Silverchair | |
---|---|
Orixe | Newcastle, Australia |
Período | 1992 - 2011 |
Xénero(s) | rock alternativo, pop rock, grunge |
Selo(s) discográfico(s) | Murmur, Epic, Eleven |
Membros | Daniel Johns Chris Joannou Ben Gillies Tobin Finnane |
Artistas relacionados | The Dissociatives, The Mess, Hall, Tambalane, Powderfinger, Van Dyke Parks, Dreams |
Na rede | |
http://www.chairpage.com/ | |
Silverchair foi unha banda australiana de rock alternativo. O grupo formouse co nome Innocent Criminals en Merewether, Newcastle, Australia no ano 1992, co vocalista e guitarrista Daniel Johns, o baixista Chris Joannou e o batería Ben Gillies. Silverchair tivo moito éxito no seu país de orixe, gañando os principais premios da industria musical australiana, os ARIA Awards, 21 veces. A banda tamén recibiu seis APRA Awards.
A súa popularidade comezou a mediados de 1994 cando gañaron un concurso nacional de demos organizado por un programa de televisión e a radio Triple J. A banda asinou pouco despois un contrato con Murmur, e fixéronse coñecidos na escena rock de todo o mundo. No ano 2003, despois da edición de Diorama, a banda anunciou un hiato, durante o cal os seus membros gravaron cos seus proxectos paralelos, The Dissociatives, The Mess Hall e Tambalane. Silverchair reuniuse no 2005 para os concertos Wave Aid, editou Young Modern no 2007 e realizou a xira Across the Great Divide con Powderfinger. Ata a data a banda vendeu ao redor dos 6 millóns de discos.