1346 | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Calendario gregoriano | 1346 MCCCXLVI | ||||||||||||||||||
Ab urbe condita | 2099 | ||||||||||||||||||
Calendario armenio | 795 | ||||||||||||||||||
Calendario chinés | 4042 – 4043 | ||||||||||||||||||
Calendario hebreo | 5106 – 5107 | ||||||||||||||||||
Calendario hindú | |||||||||||||||||||
· Vikram Samvat | 1401 – 1402 | ||||||||||||||||||
· Shaka Samvat | 1268 – 1269 | ||||||||||||||||||
· Kali Yuga | 4447 – 4448 | ||||||||||||||||||
Calendario persa | 724 – 725 | ||||||||||||||||||
Calendario musulmán | 747 – 748 | ||||||||||||||||||
Calendario rúnico | 1596 | ||||||||||||||||||
|
1346 (MCCCXLVI) foi un ano común do calendario gregoriano dentro do século XIV, no período coñecido na historia europea coma Alta Idade Media. Foi neste ano cando en Asia a peste negra se introduciu entre as tropas do khanato da Horda Dourada. A enfermidade afectou tamén ós xenoveses contra os que estaban loitando nese momento, espallándose posteriormente polo resto de Europa. En Asia central e oriental tiveron lugar unha serie de revoltas após que o khan de Kazán finara durante un alzamento, e o khanato de Chagatai comezou a dividirse internamente. Na China comezaron tamén varias revoltas que terían como resultado eventual a caída da dinastía Yuan. Por outra banda, o reino indio de Vijayanagara obtivo varias vitorias fronte os conquistadores musulmáns do norte neste mesmo ano.
No leste de Europa Estevo Dušan foi proclamado emperador de Serbia o 16 de abril en Skopje. No Imperio Bizantino, o emir otomán Orhan casou coa princesa bizantina Teodora como parte dunha alianza entre o pai desta, Xoán VI Cantacuzeno, e os otománs. As guerras civís de Bizancio e Bulgaria continuaron durante este ano. No norte, Dinamarca vendeulle a súa porción de Estonia setentrional á Orde Livonia dos Cabaleiros Teutónicos tras conseguir reprimir finalmente o alzamento da Noite de San Xurxo.
Mentres tanto, en Europa central, Carlos IV de Luxemburgo foi escollido rei de romanos o 11 de xullo, mentres que en Italia varias familias de banqueiros, incluíndo a familia Bardi, tiveron que facer fronte a unha quebra, e gran parte do país sufriu pola fame. A guerra dos Cen Anos entre o Reino de Francia e o Reino de Inglaterra continuou en Europa occidental, con Eduardo III de Inglaterra liderando unha invasión do continente e acadando varias vitorias.