Aceiro

Ponte fabricada en aceiro.
Prensas en acerías
Acerías

O termo aceiro[1] serve comunmente para denominar, en enxeñaría metalúrxica, a unha mestura de ferro cunha cantidade de carbono variable entre o 0,008 % e o 2,11 % en masa da súa composición, dependendo do grao.[2] Se a aliaxe posúe unha concentración de carbono maior do 1,8 %, prodúcense fundicións que, en oposición ao aceiro, son moito máis fráxiles e non é posible forxalas, senón que teñen que ser moldeadas.

Non se debe confundir o aceiro co ferro, que é un metal duro e relativamente dúctil pero de baixa resistencia, con diámetro atómico (dA) de 2,48 Å, con temperatura de fusión de 1535 °C e punto de ebulición 2740 °C. Pola súa banda, o carbono é un non metal de diámetro menor (dA = 1,54 Å), brando e fráxil na maioría das súas formas alotrópicas (excepto na forma de diamante). A difusión deste elemento na estrutura cristalina do anterior lógrase grazas á diferenza en diámetros atómicos, formándose un composto intersticial.

A diferenza principal entre o ferro e o aceiro áchase na porcentaxe do carbono: o aceiro é ferro cunha porcentaxe de carbono de entre o 0,03 % e o 1,075 %; a partir desta porcentaxe considéranse outras aliaxes con ferro.

Cabe destacar que o aceiro posúe diferentes constituíntes segundo a súa temperatura, concretamente, de maior a menor dureza, perlita, cementita e ferrita; ademais da austenita (para maior información consultar o artigo Diagrama ferro-carbono).

O aceiro conserva as características metálicas do ferro en estado puro, pero a adición de carbono e doutros elementos tanto metálicos como non metálicos mellora as súas propiedades físico-químicas.

Existen moitos tipos de aceiro en función do elemento ou os elementos aleantes que estean presentes. A definición en porcentaxe de carbono corresponde aos aceiros ó carbono, nos cales este non metal é o único aleante, ou hai outros pero en menores concentracións. Outras composicións específicas reciben denominacións particulares en función de múltiples variables por exemplo os elementos que predominan na súa composición (aceiros ó silicio), da súa susceptibilidade a certos tratamentos (aceiros de cementación), dalgunha característica potenciada (aceiros inoxidables) e mesmo en función do seu uso (aceiros estruturais). Usualmente estas aliaxes de ferro englóbanse baixo a denominación xenérica de aceiros especiais, razón pola que aquí se adoptou a definición dos comúns ou "ao carbono" que ademais de ser os primeiros fabricados e os máis empregados,[3] serviron de base para os demais. Esta gran variedade de aceiros levou a Siemens a definir o aceiro como «un composto de ferro e outra substancia que incrementa a súa resistencia».[4]

O aceiro é o material máis importante da nosa civilización e del están feitas a maior parte das ferramentas e máquinas.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para aceiro.
  2. Domínguez, Esteban José; Ferrer, Julián (6 de outubro de 2014). FP Básica - Mecanizado y soldadura (en castelán). Editex. ISBN 9788490039632. Consultado o 9 de novembro de 2018. 
  3. Aproximadamente o 90 % do aceiro comercializado é "ó carbono". Ashby, M. F.; Jones, David R. H. (1992) [1986]. Engineering materials 2 : an introduction to microstructures, processing, and design 2 (1st ed ed.). Oxford [Oxfordshire]: Pergamon Press. ISBN 0080325319. OCLC 13455996. 
  4. Diccionario Enciclopédico Hispano-Americano, Tomo I, Montaner e Simón Editores, Barcelona, 1887, p. 265.

Developed by StudentB