Alasca[1][2][3][4] (en inglés: Alaska, [əˈlæskə] (AFI), escoitar, en aleutiano, Alax̂sxax̂; en inupiaq, Alaasikaq; en alutiiq, Alas'kaaq; en iupik, Alaskaq; en tlingit, Anáaski;) é o Estado con máis superficie dos Estados Unidos de América situado na parte noroccidental do continente, limitando por terra só co Canadá (ó leste), e por mar co océano Pacífico (sur), océano Glacial Ártico (norte) e a confluencia de ambos os dous no estreito de Bering (oeste). A súa capital é Anchorage.
Comprado ó imperio ruso en 1867 por 7 millóns de dólares, é o territorio estadounidense con menor densidade de poboación de 0,42 hab/km², sendo o cuarto con menor poboación, tras Wyoming, Dacota do Norte e Vermont.[5] É maior que os estados americanos de Texas, California e Montana xuntos (respectivamente o segundo, o terceiro e o cuarto máis extensos).
Estados Unidos tratou durante as primeiras décadas do século xx de mellorar as comunicacións (por exemplo de conectar Alasca co resto dos Estados Unidos por ferrocarril), e promover a colonización do val de Matanuska. Mais a segunda guerra mundial e as batallas navais nas illas Aleutianas co Xapón trocaron a política dos Estados Unidos nos asuntos de Alasca. Así, en 1942, construíuse en meses unha estrada de comunicación (a Autoestrada Alcan) para garantir a defensa do territorio de Alasca, á vez que estableceron novas bases militares e se promoveron asentamentos civís. O final da guerra mundial e o comezo da guerra fría aceleraron a necesidade de integrar este territorio á Unión. Así, en 1959, Alasca foi á fin aceptado como 49° estado dos Estados Unidos de América.
O descubrimento de grandes depósitos petrolíferos permitiron un enorme crecemento económico en Alasca durante as últimas décadas, a pesar do illamento xeográfico e ás duras condicións de vida. A maior fazaña do seu desenvolvemento foi a construción, a partir de 1974, do Trans-Alaska Pipeline, un oleoduto de 1.269 km que une a Baía de Prudhoe co porto de Valdez. Mais tamén o petróleo foi orixe de certos desastres, como o accidente ocorrido en 1989 do petroleiro Exxon Valdez, que encallou nas augas de Alasca e provocou unha marea negra, que foi cualificada como un dos maiores desastres ecolóxicos da historia.