Antera

Antera seccionada. 1: Filamento; 2: Teca; 3: Conectivo (vasos en vermello); 4: Saco polínico (esporanxio).
Flor de Fragaria × ananassa (amorodo grande), onde se distinguen claramente as anteras ao final de cada estame

En botánica, chámase antera á parte na que remata un estame. A palabra procede do grego anteros, que significa florecido, aludindo a que a presenza visible das anteras sinala o punto álxido da antese (floración).

Nas anxiospermas cada estame adoita fundamentarse nun pé chamado filamento e unha antera, suxeita lateralmente ao extremo do filamento. Dise das anteras que son extrorsas se o filamento se une á antera pola súa cara externa (a máis afastada do eixo floral), e introrsas no caso contrario, menos frecuente.

A antera típica das anxiospermas adoita constar de dúas partes distinguibles, contiguas, chamadas tecas, unidas por unha zona chamada conectivo, que é tamén por onde a antera se une ao filamento. Se se corta a antera perpendicularmente ao seu eixo, obsérvase que cada antera contén un ou dous sacos polínicos que se espallan en toda a súa lonxitude.

A antera é unha estrutura que rompe espontaneamente para deixar visible o seu contido, o pole. Cada saco polínico abrirase en xeral por unha dehiscencia (corte) lonxitudinal.

O estame é unha folla transformada para a produción de esporas masculinas (micrósporas) que son os grans de pole. Os sacos polínicos son os microsporangios.


Developed by StudentB