Anxiospermas (plantas con flor) | |||||
---|---|---|---|---|---|
Magnolia virginiana | |||||
Clasificación científica | |||||
| |||||
Clados | |||||
Amborellales
| |||||
Sinonimia | |||||
As anxiospermas, plantas con flor ou Magnoliophyta é o grupo máis grande de plantas terrestres. Magnoliophyta é o nome dun taxón de plantas emprazado na categoría taxonómica de División, que no sistema de clasificación de Cronquist (1981) coincide na súa definición coas que noutros sistemas de clasificación son as chamadas anxiospermas (en latín Angiospermae, coma no sistema de clasificación de Engler, H. Melchior. 1964. A. Engler's Syllabus der Pflanzenfamilien (12ª edición) en inglés Angiosperms, coma no moderno sistema de clasificación APG II do 2003). As flores das anxiospermas diferéncianse das flores do resto das espermatófitas en que posúen verticilos ou espirais ordenados de sépalos, pétalos, estames e carpelos, e os carpelos cobren os óvulos e reciben o pole sobre a súa superficie estigmática en troques de recibilo directamente sobre o óvulo coma ocorre nas ximnospermas
Nalgúns sistemas de clasificación chámanas "magnoliófitas" (nome científico Magnoliophyta), xa que se pensaba até hai pouco tempo que as magnolias eran as flores máis semellantes á "anxiosperma ancestral" (a primeira planta destas características, da que terían descendido todo o resto das anxiospermas).
O termo "anxiospermas" provén de dúas verbas gregas: anxíon vaso, ánfora, e sperma, semente; así, este termo composto quere dicir "semente envasada", en referencia a que os seus óvulos (e posteriormente a súa semente) fican pechados pola folla fértil portadora dos óvulos ou carpelo. Deste xeito, o gran de pole para fecundar o óvulo ten que contactar unha superficie do carpelo preparada para isto (o "estigma") en troques de caeren directamente sobre o óvulo coma nas ximnospermas.
A estrutura particular das súas flores non é a única diferenza que posúen co resto das espermatófitas, outros caracteres morfolóxicos distintivos son a redución do gametófito feminino a só unhas poucas células, a dobre fecundación (coa formación dun tecido nutritivo característico, triploide, chamado endosperma, ó tempo que se fecunda o óvulo), e un xilema e floema distintivos, máis recentes que os do resto das traqueófitas, e máis eficientes en moitos aspectos (aínda que o xilema semella ter evolucionado xa dentro da póla, sendo as magnoliófitas máis primitivas semellantes nos seus tubos xilemáticos ás ximnospermas).
As anxiospermas son un grupo de espermatófitas recoñecido como monofilético desde hai moito tempo polos seus caracteres morfolóxicos distintivos, a súa monofilia foi sostida logo polos análises moleculares de ADN.
A diversificación que sufriu este grupo é moi rechamante. No rexistro fósil aparecen a principios do Cretáceo (hai uns 130 millóns de anos), momento a partir do cal aparecen enormes cantidades de fósiles de especies moi diversas, coma se apareceran de golpe con toda a súa diversidade, o que Darwin chamou no seu momento un "abominable misterio". Aínda hoxe preto do 90 % das plantas terrestres pertencen a este grupo. Cunhas 257.000 especies viventes (Judd et al. 2002), as magnoliófitas son as responsables da maior parte da diversidade en espermatófitas, en embriófitas e en viridófitas.
Así como posúe moitas especies, este grupo tamén se caracteriza por posuír unha enorme diversidade de hábitos, e ocupar practicamente todos os nichos ecolóxicos posibles. Hai plantas arbustivas e herbáceas, hainas terrestres e acuáticas, atópanse tanto nos desertos coma nos pantanos, no nivel do mar coma no alto dos montes. A súa diversidade de especies é moito máis alta en zonas tropicais e húmidas (ó redor do 60 % das especies son de zonas tropicais e un 75 % ten un crecemento óptimo en climas tropicais), onde dominan completamente a paisaxe, e vai diminuíndo o seu número cara ás latitudes altas, chegando a posuír unha representación baixa nas floras máis frías coma a da tundra (que aínda hoxe está dominada polas coníferas).
Os membros desta división son a fonte da maior parte dos alimentos consumidos polo ser humano, así como de moitas materias primas e produtos naturais. O groso da alimentación mundial procede de só quince especies.