Apse

Apses: 1) Apoapse; 2) Periapse; 3) Foco

Un apse (do grego ἁψίς) é o punto de maior ou menor distancia dun corpo a un dos focos da súa órbita elíptica. En mecánica celeste este foco é tamén o centro de atracción, que é normalmente o centro de masas do sistema.

O punto de máxima aproximación (o punto no que os dous corpos están máis cerca) chámase periapse ou pericentro, namentres que o punto de maior afastamento chámase apoapse ou apocentro. Á liña recta trazada cruzando o apoapse e o periapse chámaselle liña de ápsides, e coincide co eixo maior da elipse, que é a liña que atravesa a parte máis longa dunha elipse.

Os termos derivados úsanse para identificar o corpo orbitado. Os máis comúns son perixeo (do grego περί peri = arredor de, e Γαῖα Gaia = Terra) -punto da órbita máis preto da Terra- e apoxeo (do grego ἀπό apó = lonxe, e Γαῖα Gaia = Terra) para referirse a órbitas arredor da Terra e perihelio (do grego περί perí = arredor de, e ἥλιος Helios = Sol) e afelio (do grego ἀπό apó = lonxe, e ἥλιος Helios = Sol) para referirse a órbitas arredor do Sol. Para órbitas arredor da Lúa úsanse os termos perilúa e apolúa.


Developed by StudentB