Armes Prydein (A profecía de Bretaña) é o nome dun poema profético galés de inicios do século X que aparece no Libro de Taliesin.
Nun estilo entusiasta característico da poesía heroica galesa describe un futuro onde todos os pobos britónicos eran aliados xunto cos escotos, os irlandeses e os viquingos do Reino de Dublín so liderado galés, e no que todos xuntos daría expulsado os anglosaxóns de Gran Bretaña para sempre.[1][2][3] Os xefes de tales empresas eran sempre nomes coñecidos na poesía heroica, e neste caso dicían que eran Cadwallon e Cadwaladr, invitando implicitamente á audiencia a conectalos con dous famosos líderes do pasado remoto, Cadwallon ap Cadfan e Cadwaladr ap Cadwallon. A inclusión dos viquingos, non celtas, e dos escotos e irlandeses, non britónicos, como aliados nun poema tradicional galés é unha singularidade digna de mención.
Describen este poema normalmente como unha expresión da frustración galesa coas políticas pragmáticas e pacíficas de Hywel Dda cara ao daquela en ascenso reino de Wessex. Edward de Wessex (reinou de 899 a 924) acadara unha recoñecida preeminencia sobre case todos os pobos situados ao sur dos Firths de Clyde e Forth, incluíndo gaélicos, viquingos, ingleses, córnicos, galeses e cumbrios. Tras a súa morte e a ascensión ao trono do seu fillo Æthelstan (reinou desde 924 ata 939), xurdiu unha alianza entre os reinos de Dublín, Escocia e Strathclyde contra el e venceunos na batalla de Brunanburh en 937. Lonxe de asistir aos seus irmáns, os 'Homes do Norte', e marchar contra os ingleses, os galeses de Hywel Dda mantivéranse á marxe, sen axudaren os seus tradicionais compatriotas (os homes de Strathclyde) nin enfrontárense aos seus tradicionais inimigos (os saxóns de Wessex).
O Armes Prydein é tamén significativo en canto que aporta unha das primeiras mencións do profeta Myrddin Wyllt, que foi a base do personaxe de Merlín na lenda artúrica.