O arroz [1] (do árabe, الروز ar-rūz; á súa vez do grego, ὄρυζα oryza[2]) ([aˈrɔθ]; en gran parte do territorio galego pronunciado con seseo como [aˈrɔs] (arrós)[3]) é a semente da planta Oryza sativa (arroz asiático ou simplemente arroz) ou da Oryza glaberrima (arroz africano). Trátase dun cereal considerado alimento básico en moitas gastronomías do mundo.[4]
O arroz é o segundo cereal máis producido no mundo (741,5 millóns de toneladas), por detrás do millo (1000 millóns de toneladas) e por diante do trigo (713 millóns de toneladas).[5][6] Debido a que o millo é producido con outros moitos propósitos á parte do consumo humano, pódese dicir que o arroz é o cereal máis importante na alimentación humana e que contribúe de forma moi efectiva ao achegue calórico da dieta humana actual; é fonte dunha quinta parte das calorías consumidas no mundo.[7] Desde 2008, realizouse un racionamento nalgúns países debido á carestía do arroz.[8] En países como Bangladesh e Camboxa pode chegar a representar case as tres cuartas partes da alimentación da poboación.[9] Dedícanse moitas hectáreas ao cultivo do arroz no mundo. Sábese que o 95 % deste cultivo esténdese entre os paralelos 53° latitude norte, e 35° latitude sur.
O método tradicional de cultivo do arroz é a inundación dos campos, durante ou despois da plantación da implantación das plántulas. Este método sinxelo require unha planificación coidadosa, pero reduce o crecemento de malas herbas menos robustas que non crecen cando están mergulladas e tamén impide as infestacións. Aínda que a inundación non é obrigatoria para o cultivo do arroz, todos os demais métodos de irrigación requiren maiores esforzos no control das malas herbas e outras pragas durante os períodos de crecementos e un enfoque diferente en canto á fertilización do chan.
O arroz, que é unha planta monocotiledónea, cultívase normalmente como planta anual, aínda que nas áreas tropicais pode sobrevivir como planta perenne e pode producir colleita a partir de fillos ata durante 30 anos.[10] O cultivo do arroz está ben adaptado a países e rexións con custos de man de obra baixos e alto réxime de choivas, xa que se trata dun cultivo con altos requirimentos tanto de man de obra como de auga. Aínda que as súas especies ancestrais son nativas de Asia e certas partes de África, séculos de comercio e exportación fixérono común en moitas culturas en todo o mundo.
A orixe do arroz é obxecto de controversia entre os investigadores; discútese se foi na China ou na India.[Cómpre referencia]