Arte pop

A arte pop ou a pop-art[1] (arte popular) foi un movemento artístico xurdido a fins da década de 1950 en Inglaterra cuxas características son o emprego de imaxes e temas tomados do mundo da comunicación de masas e a súa aplicación á pintura. Pódese dicir que subliña o valor iconográfico da sociedade de consumo. O termo "pop-art" foi utilizado por primeira vez polo crítico británico Lewwis Gennig en 1962 para definir a arte que algúns xoves estaban facendo co emprego de imaxes populares.

Pode afirmarse que a pop-art é o resultado dun estilo de vida, a manifestación plástica dunha cultura (pop) caracterizada pola tecnoloxía, a democracia, a moda e o consumo, onde os obxectos deixan de ser únicos para producirse en serie. Neste tipo de cultura tamén a arte deixa de ser única e convértese nun obxecto máis de consumo. "A razón polaa que pinto deste modo é porque quero ser unha máquina", afirmaba o máximo expoñente do movemento, Andy Warhol. Tamén é simbólica a afirmación de Richard Hamilton con respecto ó seu desexo de que a arte fose "efémera, popular, barata, producida en serie, xove, enxeñosa". Todas elas, serían calidades equivalentes ás da sociedade de consumo.

Richard Hamilton é considerado o artista que creou a primeira obra da arte Pop: a colaxe titulada ¿Que é o que fai os fogares de hoxe en día tan diferentes, tan divertidos?, que foi exposto na exposición titulada Isto é o mañá na Whitechapel Gallery de Londres en 1956.

(Robert Indiana: Love, Escultura en Taipei, Taiwán)

  1. Gran Dicionario Xerais da Lingua, 2009.

Developed by StudentB