Barroco

O Barroco é un movemento cultural e artístico que tivo lugar principalmente durante o século XVII. O termo provén do francés baroque, de barocco, figura de siloxismo que os renacentistas aplicaban aos razoamentos absurdos, cruzado co portugués barroco, perla irregular ou, por extensión, xoia falsa.[1]

A cultura barroca nace dunha situación histórica concreta, que é a crise económica e social que as monarquías absolutistas e a Contrarreforma non puideron ocultar. Por esa razón, o home desa época refuxiouse nos avances da ciencia e na expresión artística e literaria. O Barroco caracterízase tanto polo esplendor artístico e cultural como pola decadencia social e económica.

Baldaquino de San Pedro do Vaticano obra de Gian Lorenzo Bernini.

O Barroco é unha reacción fronte ao manierismo, movemento elitista, complicado e intelectual e, en xeral, á orde estética renacentista, de beleza equilibrada e razoable. O Barroco non cifra o seu ideal na proporción bela, máis ben procura a realidade cotiá, frecuentemente tratada con extrema crueza. Ao mesmo tempo mostra gusto polo aparatoso e monumental, empregado como instrumento propagandístico tanto da monarquía como da Igrexa católica.

  1. Definición de barroco, -ca no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.

Developed by StudentB