Bile

Biopsia de fígado. As zonas amarelas son bile.

A bile é unha substancia líquida, verdosa-amarela, amarga, e lixeiramente alcalina producida polo fígado de moitos vertebrados. Intervén nos procesos de dixestión das graxas funcionando como emulsionante dos ácidos graxos, é dicir, converten a graxa en finas pinguiñas que poden ser atacadas con maior facilidade polos encimas dixestivos. Contén principalmente sales biliares, proteínas, colesterol, e auga (que é o maior compoñente e supón case o 97% do total).

A súa produción é continua e realízase nos hepatocitos do fígado, e nos períodos interdixestivos almacénase na vesícula biliar, e vértese no duodeno tras a inxestión de alimentos. Na vesícula biliar a bile concéntrase por absorción de auga e ións e queda reducida á 10ª parte do seu volume. A intensidade da secreción de bile pode modificarse por estimulación vagal, a hormona secretina, o rego sanguíneo hepático e a presenza de moitos sales biliares no sangue. No baleiramento da vesícula biliar inflúe principalmente a hormona colecistoquinina. Cando comemos, a bile sae da vesícula biliar polas vías biliares ao intestino, verténdose na súa luz pola papila da ampola de Vater, a uns 10 cm do píloro, e mestúrase coas graxas dos alimentos. Os ácidos biliares emulsionan as graxas no contido acuoso do intestino, dun modo semellante a como actúan os deterxentes ao lavaren a graxa. Cando as graxas xa están emulsionadas, os encimas do páncreas e da mucosa intestinal dixírenas. Segréganse de 600 a 700 mL de bile diarios.[1]

  1. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Guyton

Developed by StudentB