Biodiversidade (neoloxismo do inglés biodiversity, á súa vez do grego βιο-, vida, e do latín diversĭtas, -ātis, variedade), ou diversidade biolóxica, é a variedade de vida dun hábitat ou dun ecosistema, ou mesmo o conxunto presente na Terra. Este termo polo xeral refírese á riqueza de especies, inda que se pode referir tamén á variación a nivel xenético, fenotípico ou o presente en comunidades ou ecosistemas.[1][2]
A diversidade de especies do planeta actual supera os 10 millóns de especies, e meirande parte desta aínda non foi descrita.[3] Algunhas estimacións cuantifican a riqueza total en mil millóns de especies diferentes.[4] A distribución das especies ten diferenzas na súa distribución bioxeográfica e temporal. A riqueza de especies varía segundo a latitude e nos ecosistemas terrestres é maior no ecuador[5] e nos ecosistemas mariños posiblemente nas faixas arredor do ecuador, nas zonas costeiras con afloramento e nos arrecifes de coral. Ademais destes existen outros puntos quentes de biodiversidade con interese de conservación.
Os cambios ambientais abruptos polo xeral producen extincións masivas.[6][7][8] Desde o inicio da vida na terra, houbo cinco grandes extincións masivas e varios eventos menores que diminuíron a diversidade. Grazas á explosión do cámbrico, o fanerozoico (os últimos 540 millóns de anos) foi un crecemento continuo de diversidade de organismos multicelulares. Nese período producíronse eses eventos de perdas, como o colapso dos bosques tropicais no carbonífero que reduciu a riqueza de plantas e animais.[9] A extinción máis acusada deuse entre pérmiano e o triásico (hai 251 millóns de anos), que supuxo que os vertebrados precisasen 30 millóns de anos para recuperar a súa diversidade.[10] A máis recente foi a da transición entre o cretáceo e o paleóxeno (hai 65 millóns de anos), e que produciu a extinción dos dinosauros non avícolas. Desde a aparición dos humanos modernos a biodiversidade global está a verse reducida, tanto pola perda de especies como pola súa diversidade xénica por procesos como a destrución de hábitats. Este proceso actual de extinción chámaselle extinción do Holoceno.
A Organización das Nacións Unidas (ONU) declarou o 22 de maio como o Día internacional da Diversidade Biolóxica [11].
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome BES_glossary
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome ESA_Biodiversity
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome mora2011
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Algeo1998
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Sahney2008