Bivalvos Bivalvia Rango fósil: cámbrico - actualidade | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Acephala, lámina de Ernest Haeckel na súa obra Kunstformen der Natur (1904) | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Subclases | |||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||
|
A dos bivalvos (Bivalvia) é unha clase de moluscos,[1] mariños, de auga salobre ou auga doce, e que viven tamén en ríos, estanques e lagos.
Entre as especies que forman parte desta clase encontramos animais tan coñecidos como os mexillóns, as vieiras, as zamburiñas, as ameixas, as ostras, as navallas, os berberechos etc.
No grupo hai unha gran variación de tamaño dende algunhas cunchas que miden entre 1 e 2 mm de diámetro ata individuos xigantes como algunhas especies do xénero Tridacna que poden acadar máis de 1 metro de lonxitude e até 225 kg de peso.[2]
Como curiosidade, podemos dicir que nas portas de moitas igrexas de Galiza, e doutros países, úsanse como pías da auga bieita valvas de Tridacna traídas en séculos pasados de Filipinas. (Por este motivo en francés denomínanse as tridacnas como bénitiers).
A meirande parte dos bivalvos son filtradores e sedentarios e polo tanto dependen das correntes ciliares producidas polas branquias para conseguiren o alimento. A diferenza doutros grupos, como o dos cefalópodos, non teñen unha verdadeira cabeza (teñen moi pouca cefalización) e carecen de rádula.
Teñen o corpo comprimido lateralmente e un manto que contén no seu interior o saco visceral onde se aloxan as vísceras, pero a súa principal característica é a de posuíren unha cuncha composta por dúas valvas. Efectivamente, a cucha dos bivalvos, formada por carbonato de calcio e conquiolina (substancia orgánica constituída por proteínas complexas segregadas polo epitelio do molusco), consta de dúas partes, xeralmente similares, chamadas valvas (cuncha equivalva).
As valvas están unidas entre si nos seus bordos por un ligamento flexible que, unindo firmemente os dentes situados en cada unha das valvas, constitúe a chamada charneira. Esta disposición permite á cuncha abrirse e pecharse sen que as súas metades se desarticulen. A cuncha presenta xeralmente simetría bilateral, e a charneira encóntrase no plano saxital.
Os bivalvos foron desde hai moito tempo un compoñente da dieta das poboacións humanas costeiras (recordemos as acumulacións de cunchas en lugares como o castro de Baroña).
As ostras, os berberechos, as ameixas e as vieiras colléitanse e cómense desde a antigüidade, e a acuicultura converteuse recentemente nunha importante fonte de subministración de bivalvos para o consumo humano.
O mellor coñecemento dos ciclos reprodutivos dos moluscos levou ao desenvolvemento de novas técnicas de crianza, e unha mellor comprensión dos perigos do consumo de mariscos crus ou pouco cociñados axudou a mellorar o almacenamento e o procesado destes animais na industria alimentaria.
Ademais do seu uso como alimento, as ostras son a fonte máis común das perlas naturais. Así mesmo as conchas dos bivalvos utilízanse en artesanía para a fabricación de botóns e artigos de bisutaría (recordemos os colares que se venden aoa turistas na illa da Toxa). Finalmente, algúns bivalvos tamén se utilizan para controlar a contaminación do mar.
Existen arredor de 30.000 especies na clase dos bivalvos,[3] moitas das cales son comestibles e representan un valioso recurso económico en moitas rexións do mundo como é o caso de Galiza, onde se rexistraron máis de 125 especies nas súas costas.[4]
Os máis antigos fósiles de bivalvos datan do cámbrico temperán, hai máis de 500 millóns de anos.