As branquias [1] son os órganos respiratorios de numerosos animais acuáticos, mediante os cales extraen o osíxeno (O2) disolvido na auga e transfiren a esta o dióxido de carbono (CO2).
Os animais acuáticos dotados de branquias captan o O2 que se encontra disolvido na auga, o cal pasa aos fluídos internos (sangue, linfa etc.) e é transportado aos tecidos, onde as células requíreno para a respiración celular, proceso que se realiza en orgánulos celulares denominados mitocondrias. Como resultado da respiración celular prodúcese CO2, o cal debe ser eliminado para evitar a intoxicación do medio interno.
Os animais máis pequenos e de menor taxa metabólica realizan o intercambio de gases pola superficie corporal. Pero os máis grandes necesitan unha superficie de intercambio máis extensa, para o que adquiriron no curso da evolución estruturas especializadas, as branquias. Para favorecer o intercambio, a circulación de fluídos está sempre especialmente organizada nestes órganos, incluso naqueles animais que carecen dun sistema vascular desenvolvido, como os moluscos.