Buda

Desde as súas raíces na India, as ensinanzas do Buda espalláronse polo mundo, como esta escultura de Amitabha da Dinastía Tang, atopada na Cova do Templo da Corrente Agachada, Longmen Grottoes.

Buda (sánscrito-devanagari: बुद्ध, O Desperto, O Iluminado, que vén do radical "Budh", Despertar) é un título dado no budismo a aqueles que espertaron plenamente para a verdadeira natureza dos fenómenos e se puxeron a divulgar tal descubrimento aos demais seres. "A verdadeira natureza dos fenómenos" aquí quere dicir o entendemento de que todos os fenómenos son impermanentes, insatisfactorios e impersoais. Tornándose consciente desas características da realidade, sería posible vivir de maneira plena, libre dos condicionamentos mentais que causan a insatisfacción, o descontento, o sufrimento.

Dende o punto de vista da doutrina budista clásica, a palabra "Buda" denota non só un mestre relixioso que viviu nunha época en particular, mais toda unha categoría de seres iluminados que alcanzaron tal realización espiritual. Pódese facer unha analoxía coa designación "Presidente da República" que se refire non só a un home, senón a todos aqueles que sucesivamente ocuparon o cargo. As escrituras budistas tradicionais mencionan polo menos 24 Budas que xurdiron no pasado, en épocas diferentes.

O budismo recoñece tres tipos de Buda, de entre os cales o termo Buda é normalmente reservado para o primeiro tipo, o Samyaksan-buddha (Pali: Samma-Sambuddha). A realización do Nirvana é exactamente a mesma, mais un Samyaksan-buddha expresa máis calidades e capacidades que as outras dúas.


Developed by StudentB