Capela Sistina

A Creación de Adán, antes da restauración.

A Capela Sistina é unha capela localizada no Palacio Apostólico, ao norte da Basílica de San Pedro, no Vaticano. Foi construída a partir de 1475 e inaugurada o 9 de agosto de 1483 polo Papa Sisto IV. O interior foi redecorado a partir de 1508, baixo encomenda do Papa Xulio II, con frescos de Michelangelo Buonarroti, entre os que se atopa a célebre Creación de Adán. Michelangelo terminou o seu traballo en 1541, xa baixo o pontificado de Paulo III, coa conclusión da representación do Xuízo Final, sobre o altar.

É tamén famosa por ser o local onde se reúnen os conclaves e se fan certas cerimonias, como as coroacións papais.

A capela ten forma rectangular (40,93 m por 13,41 m, as dimensións do Templo de Salomón, tal como veñen descritas no Antigo Testamento). Ten 20,70 metros de altura.

Despois das obras de restauración entre 1981 e 1994, coas que se recuperou o brillo orixinal dos tempos de Michelangelo, a capela volveu abrirse ao público que visita o Museo do Vaticano. A pintura do teito da Capela Sistina está no filme O tormento e a éxtase.


Developed by StudentB