O comunismo libertario, tamén coñecido como anarcocomunismo, comunismo anarquista ou comunismo libre é unha ideoloxía política relacionada co socialismo libertario, pero que non debería confundirse con el. O comunismo libertario é unha rama concreta do socialismo libertario.
Hai que facer notar que pese a que o comunismo libertario é empregado como sinónimo de anarcocomunismo, non se trata necesariamente da mesma ideoloxía. Mentres que todos os anarcocomunistas son comunistas libertarios, non todos os comunistas libertarios son anarquistas.
O anarcocomunismo foi concibido inicialmente na Italia durante a Primeira Internacional, por Carlo Cafiero, Errico Malatesta, Andrea Costa e outros ex-republicanos de Mazzini.
As súas ideas non diferían do anarquismo individualista e mutualismo de Pierre Joseph Proudhon ata despois da morte de Mikhail Bakunin. Alí onde Proudhon apoiou a propiedade individual do produto do traballo, salarios, e un mercado de troco, os anarcocomunistas racharon con esa idea en oposición á propiedade individual, a eliminación dos salarios e a abolición do valor de intercambio. Cafeiro explica en Amarchi et Communisme que a propiedade privada do produto de traballo revertería nunha desigual acumulación do capital e, polo tanto, nunha indesexable distinción de clases. Joseph Dejacque criticaba a Proudhon directamente, afirmando que "Non é sobre o produto do seu traballo sobre o que un traballador ou traballadora ten dereito, senón sobre a satisfacción das súas necesidades, independentemente de cal poida ser a súa natureza". En 1876, na Conferencia de Florencia da Federación Italiana da Internacional (que de feito tivo lugar nun monte nas aforas de Florencia debido á actividade policial), declararon os principios do anarcocomunismo, comezando con:
A Federación Italiana considera a propiedade colectiva do produto do traballo como o complemento necesario para o programa colectivista, o apoio de todos para a satisfacción das necesidades de cada individuo a única regra de produción e consumo a cal corresponde ao principio de solidariedade. O congreso federal en Florencia demostrou elocuentemente a opinión da Internacional Italiana neste punto...
Este mesmo informe fixérono nun artigo Malatesta e Cafiero no boletín da Federación Xura (Suíza) máis tarde ese mesmo ano.
O anarcocomunismo defende o igualitarismo, a abolición do diñeiro e a introdución da economía do agasallo para facilitar a compartición de bens. No anarcocomunismo o beneficio non só non existe, senón que os bens son dados como agasallos na certeza de que os outros tamén o farán. Nun contexto industrial isto podería ocorrer tanto entre os sindicatos de traballadores como entre individuos. Se un sindicato non comparte os seus produtos, non recibirá recursos doutros sindicatos. Xa que logo, isto fará que lle interese compartir.
O anarcocomunismo tamén avoga pola abolición do traballo no que respecta á escravitude do salario. Recomenda ó traballador a súa autoxestión para mellorar as condicións laborais, incrementar a eficiencia e facer o traballo satisfactorio.