Confucianismo

O Dacheng, o edificio principal do Templo de Confucio en Qufu

O confucianismo[1] descríbese como unha tradición, unha filosofía, unha relixión, unha relixión humanista ou racionalista, unha forma de goberno, ou simplemente como un estilo de vida[2]. O confucianismo desenvolveuse a partir do que máis tarde sería chamado Cen escolas de pensamento, e das ensinanzas do filósofo chinés Confucio (551–479 a.C.), quen se consideraba a si mesmo como un retransmisor dos valores da idade de ouro da dinastía Zhou[3]. Durante a dinastía Han (206 a.C. – 220 d.C.), os enfoques confucianos superaron o "proto-taoísta" Huang-Lao como a ideoloxía oficial, mentres os emperadores mesturaban ambas coas técnicas realistas do legalismo. A desintegración da orde política Han no século II abriu o camiño das doutrinas do budismo e o neotaoísmo, que ofrecían explicacións espirituais ausentes no confucianismo.

O confucianismo tivo un novo pulo durante os últimos anos da dinastía Tang (618-907). Desenvolveuse en resposta ao budismo e o taoísmo e foi reformulado como neoconfucianismo. Esta forma revitalizada foi adoptada como a base dos exames imperiais e constituíu o núcleo da filosofía da clase oficial académica na dinastía Song (960-1297). A abolición do sistema de exame imperial en 1905 marca a fin do confucianismo oficial. Os intelectuais da Nova cultura de principios do século XX culparon o confucianismo das debilidades chinesas e buscaron novas doutrinas para substituír as ensinanzas de Confucio. Algunhas destas novas ideoloxías incluían os "Tres principios do pobo" co establecemento da República da China e, máis adiante, o maoísmo baixo a República Popular da China. No final do século XX, a ética do traballo confuciana foi recoñecida como un factor importante no pulo da economía do sueste asiático[4].

O confucianismo é unha mestura do culto á natureza (As 5 Montañas sagradas) e ós antepasados. Desenvolve a preocupación humanista de Confucio, centrada na idea do home moralmente superior (jun zi) e dunha sociedade ben ordenada. Este home debe ser sabio, humano e animoso e estar impulsado polo concepto de xustiza, deixando ao lado o seu beneficio persoal. Outros conceptos asociados son o da rectitude, o termo medio e a virtude da humanidade (ren). Mencio afirmou que o home é bo por natureza; esta tendencia idealista contraponse á naturalista de Xun Zi, para quen o home é malo e egoísta. O confucianismo foi adoptado como ideoloxía oficial do estado no 136 a.C.. No século XI apareceu o neoconfucianismo, que introduciu o estudo da natureza e do principio do home e das cousas.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para confucianismo.
  2. Yao, Xinzhong (2000). An Introduction to Confucianism (en inglés). Nova York: Cambridge University Press. pp. 38–47. ISBN 0521643120. 
  3. Rickett, Guanzi - "todos os pensadores políticos chineses estaban basicamente empeñados no restablecemento da idade de ouro do pasado tal como fora descrita pola propaganda Zhou."
  4. Lin, Justin Yifu. Demystifying the Chinese Economy (en inglés). Cambridge University Press. p. 107. ISBN 9780521191807. 

Developed by StudentB