A Conserved Domain Database ou CDD (Base de datos de Dominios Conservados) é unha base de datos de modelos de aliñamentos de secuencias múltiples ben anotados e modelos de busca en bases de datos derivados, de dominios proteicos antigos evolutivamente e proteínas completas.[1] Entre os contidos da CDD están os modelos de dominios curados manualmente do NCBI e modelos de dominios importados de varias bases de datos de fontes externas (Pfam, SMART, COG, PRK, TIGRFAMs). É característico dos dominios curados polo NCBI que usen información de estruturas en 3D para definir explicitamente as fronteiras entre dominios, aliñar bloques, emendar detalles de aliñamentos, e proporcionar unha panorámica das relacións entre secuencia, estrutura e función. Os modelos curados manualmente están organizados xerarquicamente cando describen familias de dominios que están claramente relacionados por teren un antepasado común. Para que os datos non sexan redundantes, a CDD agrupa os modelos de dominios procedentes de varias fontes en superfamilias.