Corda

Camiño valado con cordas e troncos.
Detalle dun cabo ou corda.
Cordel enrolado.

A corda[1] é unha ferramenta empregada en certas actividades como a construción, navegación (denominándose cabo[2]), exploración, deportes e comunicacións. Cando son grosas reciben tamén os nomes de soga[3] e maroma.[4] As cordas foron usadas desde a idade prehistórica.[5] Grazas ao desenvolvemento da corda inventáronse gran cantidade de cabos (nós) con diversas utilidades. As poleas empregáronse desde hai moito tempo para redirixir a forza noutras direccións, e poden ser empregadas como unha vantaxe mecánica, permitindo que múltiples forzas se apliquen ao momento de apoio final da mesma. Os guindastres, os polispastos e os cabrestantes son máquinas deseñadas para ser accionadas por cordas e cables.

Cando unha corda é longa e grosa e se utiliza para suxeitar a carga do carro ou dun remolque recibe o nome de adival, cabestro, liame, luria, rello, sedeño, treixa ou trelo.[6] Se as cordas son delgadas reciben o nome de cordel, baraza (ou barazo) e piola,[7] aínda cando adoitan ser máis grosas que un fío.

Aos extremos da corda denomínaselles chicotes mentres que á súa parte media seo.[8]

As cordas poden facerse de distintos tipos de fibras téxtiles: naturais, artificiais, sintéticas ou combinacións entre eles. Entre as naturais están o cáñamo, esparto, algodón, xute, seda, la, e pelo. Entre as artificiais está o raión, que se emprega na elaboración de cordas decorativas. Entre as sintéticas atópanse o polipropileno, nailon, poliéster (por exemplo PET, vectran), o polietileno (como o spectra) e as fibras aramidas (por exemplo twaron, technora e o kevlar). Algunhas cordas elabóranse con mesturas para aumentar a resistencia. As cordas pódense elaborar tamén de fibras metálicas.

A corda tamén se usou en traballos de cantaría como elemento decorativo. Coñécese co nome de sogueado.[9] É propio do estilo románico.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para corda.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cabo.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para soga.
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para maroma.
  5. "Historia de la cuerda". Curiosfera. Consultado o 5 de xullo de 2020 (en castelán). 
  6. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para adival.
  7. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cordel.
  8. "seo". Dicionario galego da construción naval. Consultado o 5 de xullo de 2020. 
  9. "Comisión de Normalización Linguística da Facultade de Xeografía e Historia (1996): Léxico de arqueoloxía (castelán-galego)". Consultado o 5 de xullo de 2020. 

Developed by StudentB