Deus

Creación do Sol e da Terra de Michelangelo.
Nome de Iavé en hebreo.

O concepto teolóxico, filosófico e antropolóxico de Deus (do latín: Deus) fai referencia a unha deidade suprema. Deus é o nome que se lle dá en galego a un ser supremo omnipotente, omnipresente, omnisciente e persoal en relixións teístas e deístas (e outros sistemas de crenzas) quen é: ou ben a única deidade, no monoteísmo, ou a deidade principal, nalgunhas formas de politeísmo, coma no henoteísmo.[1]

Deus tamén pode referirse a un ser supremo non persoal coma no panteísmo, e nalgunhas concepcións é unha mera idea ou razoamento sen ningunha realidade subsistente fóra da mente, coma nos sistemas materialistas.

A miúdo, Deus é concibido como o creador sobrenatural e supervisor do universo. Os teólogos adscribiron unha variedade de atributos ás numerosas concepcións diferentes de Deus. Entre estas, as máis comúns son omnisciencia, omnipotencia, omnipresenza, omnibenevolencia (perfecta bondade), simplicidade divina, e existencia eterna e necesaria. Deus tamén foi concibido como de natureza incorpórea, un ser persoal, a fonte de toda obrigación moral, e o «maior ser concibible con existencia».[1] Estes atributos foron descritos en diferentes graos polos primeiros filósofos-teólogos xudeus, cristiáns e musulmáns, incluídos Maimónides[2], Agostiño de Hipona[2] e Al-Ghazali[3], respectivamente. Moitos destacados filósofos medievais e filósofos modernos desenvolveron argumentos a prol da existencia de Deus[3]. De xeito análogo, numerosos filósofos e intelectuais de renome desenvolveron argumentos en contra.

  1. 1,0 1,1 Swinburne, R. G.: «God», en Honderich, Ted (ed.): The Oxford Companion to Philosophy. Oxford (Reino Unido): Oxford University Press, 1995.
  2. 2,0 2,1 Edwards, Paul (1995): «God and the philosophers», en Honderich, Ted (ed.): The Oxford Companion to Philosophy. Oxford (Reino Unido): Oxford University Press, 1995.
  3. 3,0 3,1 Platinga, Alvin. "God, Arguments for the Existence of," Routledge Encyclopedia of Philosophy, Routledge, 2000.

Developed by StudentB