Dialecto

Un dialecto é a modalidade que presenta unha lingua determinada nun territorio ou grupo social concreto.

Débese distinguir dialecto de sociolecto (o sociolecto é unha variante da lingua falada por un determinado estrato social), do de lingua padrón, da xerga e do argot.

O dialecto de prestixio ou dialecto estándar é o que se emprega nas situacións formais, e polo tanto, úsase como idioma oficial e é o que se ensina en ámbitos educativos. Adoita basearse nun texto de prestixio aceptado por toda a comunidade, como é o caso da tradución da Biblia de Lutero para o alemán.

En contraposición a este podemos amentar o dialecto vernáculo. Segundo a pegada da vida pública na vida privada nunha sociedade este dialecto vernáculo será máis próximo ou afastado ao dialecto padrón. Nos países árabes, polo xeral, o dialecto padrón non é falado por case ninguén no ambiente doméstico, así a todo, en moitos países nórdicos, cunha cultura urbana importante, o vernáculo e o padrón son case idénticos.

Variantes como os idiolectos e sociolectos, poden distinguirse non só polo seu vocabulario, senón tamén por diferenzas gramaticais, fonolóxicas e prosódicas.

Non existen criterios universalmente aceptados para distinguir os idiomas dos dialectos, aínda que existen varios paradigmas que presentan en ocasións resultados contraditorios. A diferenza exacta é xa que logo subxectiva, dependendo do marco contextual do usuario.

As variedades da linguaxe son frecuentemente denominadas dialectos, no canto de linguaxes

  • porque non son (ou porque non están recoñecidos como) linguaxes literarias.
  • porque os falantes non teñen un estado ou nación propios.
  • porque a súa linguaxe carece de prestixio ou recoñecemento.
  • porque non hai suficientes diferenzas gramaticais con respecto doutro idioma dominante.
  • porque as diferenzas son exclusivamente fonéticas ou de vocabulario.

Lingüistas antropolóxicos definen o dialecto como a forma específica dunha lingua usada por unha comunidade. Noutras palabras, a diferenza entre lingua e dialecto é a diferenza entre o abstracto ou xeral e o concreto ou particular. Dende esta perspectiva, ninguén fala unha "lingua", senón un dialecto da mesma. Quen identifica un dialecto en particular como a versión "padrón" ou "correcta" dunha lingua está, de feito, usando estes termos para expresar unha distinción social. A miúdo, a lingua padrón é máis próxima ao sociolecto das clases altas.

En grupos onde os estándares xogan papeis menos importantes, o "dialecto" pode ser referido simplemente a sutís variacións rexionais que son consideradas mutuamente intelixibles (dende as variantes de barrios ou distritos nunha cidade, a vilas, cidades ou provincias nun país).

A lingüística moderna considera que o estado da lingua non está soamente determinado por criterios lingüísticos, senón que tamén é o resultado dun desenvolvemento histórico e político. O romanche foi recoñecido como lingua ao desenvolver a súa propia escrita, malia ser moi próximo aos dialectos alpinos do lombardo. Un caso contrario é o do chinés, cuxas variantes son xeralmente consideradas dialectos e non linguaxes, malia que os falantes non poidan entenderse entre eles, porque comparten unha escrita común.


Developed by StudentB