O doo wop é un estilo vocal de música nacido da unión dos xéneros rhythm and blues e gospel.[1][2][3] Desenvolveuse en comunidades afroamericanas dos Estados Unidos durante os anos 40 e alcanzou a súa maior popularidade entre os 50 e os 60.[4] Xurdiu das rúas de cidades industriais das zonas ao nordés dese país (Nova York, Filadelfia, Chicago, Baltimore e Pittsburgh) onde a xente nova se reunía para levar a cabo interpretacións.[5] Nun principio, foi un estilo musical dirixido a unha audiencia principalmente adulta e afroamericana, e posteriormente estendeuse cara a un mercado adolescente e multirracial.[6]
Algúns historiadores aseguran que durante esta época se gravaron nos Estados Unidos máis de quince mil discos deste estilo e que o seu son harmónico de voces entrelazadas que incorporaban elementos de rhythm and blues, jazz, swing e gospel, costituíu o modelo que lle deu formato posteriormente ao rock and roll.[7][8]
O xénero comezou nos soportais e nos garaxes das casas onde se producían as pequenas reunións de cinco ou seis adolescentes que intentaban sorprender as súas noivas ou adquirir certa popularidade.[9] Coa súa expansión, comezou a practicarse nos canellas e practicamente en calquera lugar que puidese ofrecer un eco que reforzase os seus arranxos vocais.[10] De feito, este procedemento foi o que lle deu nome á frase que posteriormente, en 1975, se converteu no tema Looking for an Echo (Procurando un Eco), de Richard Reicheg, autor que recibiu xunto coa súa banda un premio Grammy á mellor composición instrumental o ano seguinte.[11]
Caracterízase polos seus contidos de voces a cappella[12] e por consistir en melodías nas que un vocalis principal é acompañado polos coros e as frases do resto do grupo, que habitualmente se compón de tres cantantes ou máis.[13] As composicións abranguen un amplo rango de voces: contratenor, falsete, tenor, barítono e baixo vocal.[14]
Na maioría de gravacións de estudio, a súa instrumentación é moi lixeira, reducida a un simple acompañamento de fondo. As actuacións manteñen un ritmo de batería moi simple, outorgándolles o absoluto dominio aos diversos rexistros melódicos das voces a riqueza harmónica.[15] Debido a isto, o doo wop tamén se coñece polo alcume de icecream changes.
As primeiras interpretacións soaban a grupos de estudantes que lle dedicaban unha canción á súa noiva ou amiga.[16] As súas letras, compostas de sílabas sen sentido e adoito dunha melodía simple e de carácter romántico, captaban a atención das adolescentes ao se sentiren claramente identificadas coa mensaxe que enviaban, polo que se converteron en típicas das verbenas e de encontros nos patios de recreo dos institutos, onde tamén era frecuente facer piques entre eles para demostrar quen eran mellores.[17][18][19]
Coa súa proliferación e xunto á aparición e impacto do rock and roll vocal, chegou tamén unha onda de rapaces que comezaron a lucir topetes[20] e vestimentas para se identificaren co movemento, como era o caso dalgunhas mulleres usando pezas con lunares.[21][22]
Algúns músicos do Bronx acudían ás escolas públicas para lles ensinar aos rapaces a técnica e, posteriormente, moitos colexios e centros sociais lles proporcionaban un lugar onde poder ensaiar, de maneira que se mantivesen arredados das rúas, da drogadicción e da delincuencia.[23] Algunhas igrexas, como a de San Anthony (da que xurdiu o grupo feminino The Chantels, cuxo exclusivo son tiña a súa raíz na música litúrxica desta institución) colaboraron, xunto con emisoras de radio, a promocionar o estilo.[24]
O director da emisora de radio WWRL Rocky Bridges circulaba cunha furgoneta polas rúas do Bronx promocionado o xénero, entanto que a compañía Co-Op organizaba eventos musicais entre distintas formacións de xente nova. Así mesmo, o doo wop colaborou en romper barreiras raciais entre bandas de brancos e negros que actuaban xuntas.[25]