Elefante Rango fósil: plioceno - presente | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Elefante africano femia no Parque Nacional Mikumi, Tanzania | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Xéneros | |||||||||||||||||||
Os elefantes son grandes mamíferos da familia Elephantidae e da orde Proboscidea. No presente, recoñécense tres especies: o elefante africano de sabana (Loxodonta africana), o elefante africano de bosque (L. cyclotis) e o elefante asiático (Elephas maximus). Os elefantes distribúense pola África subsahariana, sur de Asia e o sueste asiático. Elephantidae é a única familia sobrevivente da orde Proboscidea, e outros membros da orde, agora extintos, inclúen deinotheriidae, gomphotheriidae, mamuts e mastodontes.
Os elefantes son os maiores animais terrestres que existen, pesando até 12 toneladas e medindo por termo medio catro metros de altura. As súas características máis distintivas son os cabeiros de marfil. O macho de elefante africano, o maior animal terrestre, pode acadar unha altura de 4 m e pesar 7000 kg. Estes animais teñen numerosos elementos distintivos, como a súa longa trompa, que empregan con numerosos fins e particularmente para coller obxectos. Os seus cabeiros teñen gran tamaño, e úsanos para mover obxectos, escavar e como armas para loitar. As súas grandes orellas axúdanlles a controlar a temperatura do seu corpo. Os elefantes africanos teñen orellas grandes e o lombo cóncavo, mentres que os elefantes asiáticos teñen as orellas máis pequenas e o lombo convexo.
Os elefantes son herbívoros e poden ser atopados en diferentes hábitats como a sabana, bosques, desertos e marismas. Prefiren ficar preto da auga. Son considerados unha especie chave debido ó seu impacto no medio no que viven. Os outros animais tenden a manter as distancias, e os predadores como os leóns, tigres, hienas e cánidos xeralmente teñen como obxectivo as crías pequenas. As femias viven en grupos familiares, que poden consistir nunha única nai coas súas crías ou nun grupo emparentado de femias. Estes son liderados polo exemplar máis vello, coñecido como matriarca. Os elefantes viven nunha sociedade fisión-fusión, na que múltiples grupos familiares xúntanse para socializar. Os machos abandonan os grupos cando chegan á puberdade, e poden vivir sós ou canda outros machos. A miúdo interactúan cos grupos familiares cando buscan reproducirse e entran nun estado de agresividade coñecido como musth, que lles axuda a ser dominantes e reproducirse satisfactoriamente. As crías son o centro de atención dos grupos familiares, e dependen das súas nais durante os tres primeiros anos de vida. Poden vivir uns 70 anos en liberdade. Comunícanse entre eles mediante o tacto, a vista e o son; empregan os infrasóns para comunicarse a longas distancias. A súa intelixencia comparouse coa dos primates e a dos cetáceos. Teñen consciencia de si mesmos e amosan empatía ó morrer individuos da súa especie.
O elefante africano está clasificado como unha especie vulnerable pola International Union for Conservation of Nature (IUCN), mentres que o elefante asiático está considerado como especie ameazada. Un dos seus principais inimigos é o comercio de marfil, xa que son cazados polos seus cairos. Outras ameazas son a destrución do seu hábitat e os conflitos cos habitantes locais. Son usados como animais de traballo en Asia. No pasado foron empregados para guerra; hoxe, son comúns en zoos e en actuacións de circos. Os elefantes son animais amplamente recoñecibles e son protagonistas de moitas representacións na arte, no folclore, na relixión, na literatura e na cultura popular.