Empirismo

Véxase tamén: Ciencia.
Seccións: Razoamento científico e Epistemoloxía: o discurso sobre a ciencia.
David Hume, un dos empiristas máis importantes, retratado por Allan Ramsay en 1766. (Galería Nacional de Retratos de Escocia).

O empirismo é unha teoría filosófica que pon énfase no papel da experiencia, ligada á percepción sensorial, na formación do coñecemento. Para o empirismo máis extremo, a experiencia é a base de todo coñecemento, non só en canto á súa orixe senón tamén en canto ao seu contido. Pártese do mundo sensíbel para formar os conceptos e estes encontran no sensíbel a súa xustificación e a súa limitación.

O termo empirismo provén do grego ἐμπειρισμός (empeirismós), derivado de ἐμπειρία (empeiría, 'experiencia', 'coñecemento', 'habilidade'), cuxa tradución ao latín é experientia, de onde deriva a palabra experiencia.

O empirismo, baixo este nome e con este significado, xorde na idade moderna como froito maduro dunha tendencia filosófica que se desenvolve sobre todo no Reino Unido desde a Baixa Idade Media. Adoita considerarse en contraposición ao chamado racionalismo, máis característico da filosofía continental europea.

En filosofía, o empirismo é un movemento que cre que as experiencias son as únicas (ou principais) formadoras das ideas, discordando, por tanto, da noción das ideas innatas. En ciencia, o termo empirismo adoita utilizarse ao falar do método científico tradicional (que ten a súa orixe no empirismo filosófico), que defende que as teorías científicas deben basearse na observación do mundo, en vez de na intuición ou na fe.

Na antigüidade clásica o empírico referíase ao coñecemento que os médicos, arquitectos, artistas e artesáns en xeral obtiñan a través da súa experiencia dirixida cara ao útil e técnico, en contraposición ao coñecemento teórico concibido como contemplación da verdade á marxe de calquera utilidade.[1]

  1. Sini, Carlo (2004): "Empirismo", en Enciclopedia Garzanti della Filosofía. ed. Gianni Vattimo et al.

Developed by StudentB