Espazo exterior

Capas da atmosfera (non esta a escala).

O espazo exterior ou espazo baleiro, tamén simplemente chamado espazo, refírese ás rexións relativamente baleiras do universo fóra das atmosferas dos corpos celestes. Úsase espazo exterior para distinguilo do espazo aéreo (e as zonas terrestres). O espazo exterior non está completamente baleiro de materia (é dicir, non é un baleiro perfecto) senón que contén unha baixa densidade de partículas, predominantemente gas hidróxeno, así como radiación electromagnética. Aínda que se supón que o espazo exterior ocupa practicamente todo o volume do universo e durante moito tempo considerouse practicamente baleiro, ou repleto dunha substancia chamada éter, agora sábese que contén a maior parte da materia do universo. Esta materia está formada por radiación electromagnética, partículas cósmicas, neutrinos sen masa e mesmo formas de materia non ben coñecidas como a materia escura e a enerxía escura. De feito no universo cada un destes compoñentes contribúe ao total da materia, segundo estimacións, na seguinte proporción: materia condensada fría (0,03%), materia estelar (0,5%), neutrinos (partículas sen masa, 0,3%), materia escura (25%) e enerxía escura (75%). A natureza física destas últimas é aínda apenas coñecida. Só se coñecen algunhas das súas propiedades polos efectos gravitatorios que imprimen no período de revolución das galaxias, por unha banda, e na expansión acelerada do universo ou inflación cósmica, por outro.


Developed by StudentB