Un estadio (do grego στάδιον, unha unidade de lonxitude equivalente a 176 metros) é unha infraestrutura que serve para albergar deportes, concertos ou outras actividades. Úsase para varios tipos de deportes ao aire libre que son populares a nivel mundial como o fútbol, o rugby, o béisbol etc. Os estadios poden influír de maneira moi importante na economía dun país albergando toda clase de eventos deportivos dependendo da capacidade que presentan. Consiste nun campo de grandes dimensións rodeado por unha estrutura deseñada para que os espectadores poidan estar de pé ou sentados vendo o acontecemento. Desde tempos remotos sempre formaron parte da vida cotiá das persoas.