A estepa[1] é un bioma que comprende un territorio chan e extenso, de vexetación herbácea, propio de climas extremos e escasas precipitacións. Tamén se asocia a un deserto frío para establecer unha diferenza cos desertos tórridos. Estas rexións áchanse lonxe do mar, con clima árido continental, unha grande amplitude térmica entre verán e inverno e precipitacións que non chegan ós 500 mm anuais. Predominan as herbas baixas e matogueiras. O solo contén moitos minerais e pouca materia orgánica; tamén hai zonas da estepa cun alto contido en óxido de ferro o que lle outorga unha tonalidade avermellada á terra.