Un flaxelo é un apéndice móbil con forma de látego presente en moitos organismos unicelulares e nalgunhas células de organismos pluricelulares.[1][2] Un exemplo é o flaxelo que teñen os espermatozoides.[3] Xeralmente os flaxelos úsanse para darlle mobilidade á célula, aínda que algúns organismos poden utilizalos para outras funcións, como fan os coanocitos (células internas das esponxas), que os usan para crear correntes de auga.
Existen tres tipos de flaxelos: eucarióticos, bacterianos e arqueanos. En cada un destes tres dominios biolóxicos, os flaxelos son completamente diferentes tanto en estrutura coma en orixe evolutiva. A única característica común entre os tres tipos de flaxelos é a súa aparencia superficial. Os flaxelos de eucariotas (os de protistas, animais e plantas) son proxeccións celulares que baten xerando un movemento ondulante. Os flaxelos das bacterias, polo contrario, son complexos mecanismos nos que o filamento rota como unha hélice impulsado por un microscópico motor xiratorio. Por último, os flaxelos de Archaea son superficialmente semellantes aos bacterianos, mais son diferentes en moitos detalles e considéranse non homólogos.