Fractal

O conxunto de Mandelbrot é un exemplo famoso de fractal.
Árbore fractal.

No uso coloquial, un fractal (do latín fractus 'fracción', 'quebrado') é un obxecto xeométrico que ao ser dividido en partes, cada unha das partes resulta ter un padrón semellante ao obxecto orixinal. Dise que os fractais teñen infinitos detalles, son xeralmente autosimilares e independentes da escala. En moitos casos, un fractal pode xerarse en base á repetición dun padrón, tipicamente un proceso recorrente ou iterativo.

Benoît Mandelbrot, matemático francés nado na Polonia, que descubriu a xeometría fractal na década de 1970 acuñou o termo a partir do adxectivo latino fractus, do verbo frangere, que significa 'quebrar'.

A xeometría fractal é a rama da matemática que estuda as propiedades e comportamento dos fractais. Describe moitas situacións que non poden explicarse facilmente pola xeometría clásica, e aplicáronse na ciencia, tecnoloxía e arte xerada por computador. As raíces conceptuais dos fractais remontan ás tentativas de medir o tamaño de obxectos (por exemplo, a liña de costa dun país) para os cales as definicións tradicionais baseadas na xeometría euclidiana fallan.


Developed by StudentB