Gene Ontology, abreviada como GO (Ontoloxía Xénica), é unha importante iniciativa bioinformática para unificar a representación dos atributos dos xenes e produtos xénicos de todas as especies de seres vivos.[1] O proxecto ten os seguintes obxectivos concretos: 1) Manter e desenvolver o seu vocabulario controlado de atributos de xenes e produtos xénicos; 2) anotar xenes e produtos xénicos, e asimilar e diseminar os datos de anotación; e 3) proporcionar ferramentas para un acceso doado a todos os aspectos dos datos proporcionados polo proxecto, e permitir a interpretación funcional de datos experimentais usando o GO, por exemplo por medio da análise de enriquecemento.
GO forma parte dun grande esforzo de clasificación, chamado Open Biomedical Ontologies (OBO).[2] Contén as ferramentas de busca AmiGO e OBO-Edit
Aínda que de modo xeral a nomenclatura de xenes pretende manter e desenvolver un vocabulario controlado de xenes e produtos xénicos, a ontoloxía xénica, en concreto, amplía os esforzos usando unha linguaxe de marcas para facer que os datos (e non só os de xenes e os seus produtos senón tamén de todos os atributos) sexan lexibles por máquinas, e para facer isto de modo unificado para todas as especies (mentres que as convencións da nomenclatura de xenes varía segundo o taxon biolóxico).