A guerra de Troia é un acontecemento lendario, elemento esencial da cultura grega antiga. Deu lugar a numerosas obras artísticas, literarias en particular. Unha parte esta contada na Ilíada de Homero; o poema leva este nome xa que o nome grego da cidade de Troia é Ilion: trátase da primeira epopea escrita en grego e ten un valor fundador.
A guerra de Troia foi unha guerra contra a cidade de Troia en Asia Menor polos exércitos gregos, tras o rapto de Helena de Esparta por Paris de Troia. Esta guerra é a figura central da épica grecolatina e foi narrada nun ciclo de poemas épicos dos que só dous nos chegaron intactos, A Ilíada e A Odisea de Homero. A Ilíada describe un episodio desta guerra, e A Odisea narra a viaxe de volta á casa dun dos líderes gregos, Ulises. Outras partes da historia e versións diferentes foron elaboradas por poetas gregos e romanos posteriores.
Os antigos gregos crían que os feitos que Homero relatou eran certos. Crían que esta guerra tivera lugar no século -XIII ou -XII, e que Troia estaba situada cerca do estreito dos Dardanelos no noroeste da península de Anatolia (actual Turquía). En tempos modernos, tanto a guerra como a cidade eran consideradas mitolóxicas.
En 1870 o arqueólogo alemán Heinrich Schliemann escavou o outeiro de Hisarlik, onde cría que estaba a cidade de Troia, achando os restos da antiga cidade de Nova Ilión, que existiu ata o século século -I e baixo a cal achou outras ruínas, e debaixo destas, outras máis. Parecía unha inmensa cebola cuxas capas habería que ir esfollando unha tras outra e cada unha destas capas parecía ser habitada en épocas distintas. Schliemann fora para achar a Troia homérica; pero no curso dos anos, el e os seus colaboradores acharon sete cidades sepultas, e máis tarde outras dúas. Pero, cal destas dez cidades era a Troia de Homero? Estaba claro que a capa máis profunda, Troia I, era a prehistórica, a máis antiga, tan antiga que os seus habitantes aínda non coñecían o emprego do metal, e que a capa máis a flor de terra, Troia IX, tiña que ser a máis recente, gardando os restos da Nova Ilión, onde Xerxes e Alexandre Magno sacrificaran aos deuses. Algúns historiadores cren que a Troia VI ou a VII foron a cidade homérica, porque as anteriores son pequenas e as posteriores son asentamentos gregos. Outros historiadores cren que os relatos de Homero son unha fusión de historias de sitios e expedicións dos gregos da Idade de Bronce ou do período micénico, e non describe feitos reais. Os que pensan que as historias da guerra de Troia derivan dalgún conflito real, dátano entre -1100 e -1300 a.c.