Historia dos eslavos do sur

Mapa físico do Reino de Iugoslavia (1929-1941).
Banovine (provincias) do Reino de Iugoslavia en 1929.
Mapa das Repúblicas integrantes da República Federal Socialista de Iugoslavia (1963-1992).
1. República Socialista de Bosnia e Hercegovina, capital Saraxevo;
2. República Socialista de Croacia, capital Zagreb;
3. República Socialista de Macedonia, capital Skopje;
4. República Socialista de Montenegro, capital Titograd;
5. República Socialista de Serbia, capital Belgrado,
que incluía:
5a. Provincia Autónoma Socialista de Kosovo, capital Priština
5b. Provincia Autónoma Socialista de Vojvodina, capital Novi Sad;
6. República Socialista de Eslovenia, capital Liubliana.
A desintegración de Iugoslavia.
Serie animada de mapas na que se mostra a desintegración de Iugoslavia; as diferentes cores representan as áreas de control.
     República Federal Socialista de Iugoslavia (1943-1992)     República Federal de Iugoslavia     República Croata de Herzeg-Bosnia (1992-1994)     Serbia e Montenegro (1992-2006)     República Serbia (1992-)     República Krajina de Serbia (1991-1995)     República de Bosnia-Hercegovina (1992-1998)     República de Macedonia (1991-)     República de Eslovenia (1991-)
Iugoslavia durante a guerra (situación en 1993).
A antiga Iugoslavia en 2006.

A rápida e dramática desaparición do estado iugoslavo a finais do século XX -e da que aínda perduran flocos no XXI- causou unha fonda conmoción en todo o mundo, pero especialmente en Europa onde, para moitas persoas, era complicado entender como se puideron dar tales sucesos no culto e civilizado continente de finais de século.

Comprender estes feitos non é doado, porque na maioría do material dispoñíbel fálase de Iugoslavia unicamente como o estado europeo que existiu desde os tratados que puxeron fin á Primeira guerra mundial até a súa desaparición, o ano 2003, en que pasou a denominarse Serbia e Montenegro.

Para poder interpretar o sucedido hai que rastrexar na historia de Europa, xa que o termo Iugoslavia non se refire só ao estado citado, senón que é unha denominación de carácter cultural e xeográfica (a parte occidental da península Balcánica onde viviron, e viven, os eslavos do sur, que iso é o que significa o termo (Iugoslavia, en croata, serbio latino e esloveno Jugoslavija, en macedonio e serbio cirílico Југославија, tradúcese literalmente como Eslavia do sur ou país dos eslavos do sur).

Despois da morte do mariscal Tito en 1980, e no medio dunha grave crise económica, as tensións entre os pobos do país medraron. Despois do ascenso de partidos nacionalistas ao poder en Serbia, dúas das súas repúblicas constituíntes (Eslovenia e Croacia) declararon a súa independencia en 1991, ás que seguirían a República de Macedonia e Bosnia e Hercegovina o ano seguinte, non sen resistencia por parte de Serbia. En 1991 a tensión entre as diferentes repúblicas derivou no sanguento conflito coñecido como guerra de Iugoslavia (ou guerras iugoslavas).

As repúblicas que decidiron permanecer na federación substituíron en 1992 a República Federativa Socialista de Iugoslavia pola nova República Federal de Iugoslavia, integrada xa só por Montenegro e Serbia, que abandonou tamén o sistema socialista, como antes fixeran as xa independizadas.

A minoría étnica albanesa ao sur de Serbia foi tamén fonte de tensión (e aínda o é) e, ante os enfrontamentos do exército iugoslavo coa guerrilla kosovar, transformada en Exército de Liberación de Kosovo (UÇK), cando este territorio, aínda oficialmente parte de Serbia, declarou a súa independencia o 22 de setembro de 1991, non recoñecida internacionalmente, provocou a intervención estranxeira (a denominada Guerra de Kosovo). Despois do bombardeo da OTAN á República Federal de Iugoslavia, rematada a guerra, a partir de 1999, a administración do territorio kosovar quedou, de forma temporal, a cargo da ONU e, por mandato do Consello de Seguridade, nas mans da Misión de Administración Interina das Nacións Unidas en Kosovo (MINIURSO) e da OTAN.[1]

Porén, o status de Kosovo é motivo de controversia. Serbia considera que Kosovo é unha provincia autónoma dentro do seu propio territorio, de conformidade coa súa constitución e coa Resolución 1244 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. Por iso, o goberno serbio non intervén directamente na administración deste territorio desde 1999. O novo goberno provisional de Kosovo declarou unilateralmente, outra volta, a súa independencia de Serbia o 17 de febreiro de 2008 (co apoio tácito de Estados Unidos e de parte da Unión Europea), instaurando a República de Kosovo. Serbia, Rusia, España e outros países non aceptaron este feito unilateral nin recoñecen a República de Kosovo como Estado soberano.[2][3]

Tras a aprobación e promulgación da Carta Constitucional de Serbia e Montenegro pola Asemblea da República Federal de Iugoslavia o 4 de febreiro de 2003, a República Federal de Iugoslavia pasou a ser a unión de Estado de Serbia e Montenegro. Finalmente, o 21 de maio de 2006, nun plebiscito, o 55,5% da poboación apoiou a independencia de Montenegro, que foi proclamada o 3 de xuño de 2006.

  1. Organización das Nacións Unidas (10 de xuño de 1999). "Résolution 1244 (1999) adoptée par le Conseil de sécurité sur la situation en Kosovo" (en francés). Consultado o 5/12/2011. 
  2. BBC News. "Serbs form rival Kosovo assembly" (en inglés). Consultado o 5/12/2011. 
  3. El Mundo (17 de febreiro de 2008). "Kosovo declara su independencia" (en español). Consultado o 5/12/2011. 

Developed by StudentB