Denomínanse hortalizas as plantas herbáceas e de ciclo curto, cultivadas nas hortas e campos de regadío, das que se aproveitan as follas, flores, raíces, talos tenros, froitos etc. para a alimentación humana. Trátase dun concepto gastronómico sen fundamento botánico ningún, que ten os lindes pouco definidos: segundo os distintos autores pode incluír ou non as verduras (plantas das que se aproveitan as follas e outras partes verdes: espinacas, leitugas, grelos etc.) e os legumes frescos (plantas das que se aproveitan os froitos verdes ou as sementes: feixón, chícharos etc.). Exclúe as froitas (pero inclúe algúns tipos de froitos, como é o caso do tomate ou o pemento) e os cereais. Resulta común agrupar verduras e hortalizas baixo un mesmo concepto ou considera-las verduras como un subgrupo das hortalizas. As patacas tamén poden considerase hortalizas se ben, pola relevancia do seu consumo, adoitan tratarse por separado.
Pódense consumir de formas moi diversas, xa sexa directamente en cru, en ensalada ou como acompañamento; ou trala súa preparación culinaria, sexa como prato principal ou como gornición de pratos diferentes.
Forman parte da alimentación humana desde tempo os comezos da agricultura, se ben o seu uso habitual na dieta humana non se xeneralizou ata os séculos XVI e XVII. Nas últimas décadas observouse unha progresiva redución no consumo de verduras e hortalizas, paralela ó aumento do consumo de carnes e peixes, ata o punto de asimilar estes produtos ó nivel económico: a maior nivel económico, maior consumo de alimentos proteicos e menor consumo de alimentos vexetais. Outros factores que interviron neste fenómeno foron a aparición de novos hábitos alimenticios que rexeitaban preparacións culinarias lentas e elaboradas a favor doutras comidas de elaboración máis fácil e rápida, e tamén certa asociación entre as verduras e hortalizas cos réximes de adelgazamento ou dietas de convalecencia. Na actualidade, os novos coñecementos dietéticos e fisiolóxicos puxeron de manifesto a necesidade de incorporar alimentos de orixe vexetal á dieta para podela considerar equilibrada, teoría que defende o incremento do consumo deste tipo de alimentos, en detrimento dos proteicos.
Así, a inclusión de verduras, froitas e hortalizas como elementos habituais na dieta é hoxe un consello dietético unanimemente aceptado por tódolos nutrólogos como garantía dunha dieta equilibrada. Recoméndase especialmente a súa inclusión na comida dos meniños non só polos efectos beneficiosos directos que teñen, senón para que adquiran o hábito de consumir alimentos vexetais desde a infancia.
No ano 2006, o panel de consumo que publica o Ministerio de Agricultura [1] Arquivado 02 de febreiro de 2010 en Wayback Machine. daba unhas cifras de 67,68 kg de hortalizas frescas por habitante e ano, un 3,7% menos có ano anterior. Concretando no consumo doméstico, as cifras eran de 55,6 kg/ano, nunha liña progresivamente ascendente desde o mínimo de 48,6 kg en 1995. No que respecta a Galicia, o consumo nese ano 2006 era de 49,3 kg por habitante.
Galicia, con A Rioxa, Murcia, Asturias e Castela-A Mancha, eran as comunidades cun menor consumo de hortalizas nos fogares. O maior consumo dáse en comunidades como Valencia, Castela e León, Madrid (que roldan os 55–57 kg) e, destacando sobre todas, Cataluña, con 77,2 kg por habitante e ano [1].