Infarto agudo de miocardio

Infarto agudo de miocardio
Clasificación e recursos externos
Diagrama dun infarto de miocardio (2) na punta da parede anterior do corazón (un infarto apical) logo da oclusión (1) dunha das ramas da arteria coronaria esquerda (LCA).
ICD-10I21-I22
ICD-9410
DiseasesDB8664
MedlinePlus000195
eMedicine1567/med emerg/327 ped/2520
MeSHD009203
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

O termo infarto agudo de miocardio[1] (frecuentemente abreviado como IAM ou IMA e coñecido na linguaxe coloquial como ataque ao corazón, ataque cardíaco ou infarto) reflicte a morte de células cardíacas provocada pola isquemia resultante do desequilibrio entre a demanda e a achega de rega sanguínea pola circulación coronaria.[2]

A principal causa é a doenza das arterias coronarias con rega sanguínea insuficiente, que produce dano tisular nunha parte do corazón producido pola obstrución nunha das arterias coronarias, frecuentemente por ruptura dunha placa de ateroma vulnerable.

A isquemia ou subministración deficiente de osíxeno que resulta de tal obstrución produce a anxina de peito, que se se recanaliza precozmente non produce morte do tecido cardíaco, mentres que se se mantén esta anoxia (falta de osíxeno nun tecido) prodúcese a lesión do miocardio e finalmente a necrose, é dicir, o infarto.

O infarto de miocardio é a principal causa de morte de homes e mulleres en todo o mundo.[3] A facilidade de producir arritmias, fundamentalmente a fibrilación ventricular, é a causa máis frecuente de morte no infarto agudo de miocardio nos primeiros minutos,[4] razón pola que existe a tendencia a colocar desfibriladores externos automáticos en lugares públicos concorridos.

Os principais riscos que predispoñen a un infarto son a arteriosclerose ou outra enfermidade das coronarias, antecedentes de anxina de peito, dun infarto anterior ou de trastornos do ritmo cardíaco, así como a idade, principalmente en homes maiores de 40 anos e mulleres maiores de 50 anos. Certos hábitos modificables como o tabaquismo, consumo excesivo de bebidas alcohólicas, a obesidade e niveis altos de tensión tamén contribúen significativamente a un maior risco de ter un infarto.[5][6]

Un infarto de miocardio é unha urxencia médica por definición e débese buscar atención médica inmediata. As demoras son un erro grave que cobra miles de vidas cada ano. O prognóstico vital dun paciente con infarto depende da extensión do mesmo (é dicir, a cantidade de músculo cardíaco perdido como consecuencia da falta de irrigación sanguínea) e a rapidez da atención recibida.

É a causa máis frecuente, pero non a única, de morte súbita cardíaca, mediante as referidas arritmias. O cadro é dun paro cardíaco. Con todo, na maior parte dos casos hai actividade eléctrica no corazón, cuxo paro pode reverterse cunha desfibrilación precoz.

  1. agudo significa súbito, mio músculo e cardio corazón
  2. Thygesen, Kristian; Alpert, Joseph S.; White, Harvey D.; Jaffe, Allan S.; Apple, Fred S.; Galvani, Marcello; Katus, Hugo A.; Newby, L. Kristin; Ravkilde, Jan (2007). "Universal definition of myocardial infarction: Kristian Thygesen, Joseph S. Alpert and Harvey D. White on behalf of the Joint ESC/ACCF/AHA/WHF Task Force for the Redefinition of Myocardial Infarction" [Definición universal del infarto de miocardio:Kristian Thygesen, Joseph S. Alpert y Harvey D. White en nombre de la Fuerza de Tareas ESC/ACCF/AHA/WHF unidos para la redefinición del infarto de miocardio]. Eur Heart J (en inglés) 28 (20): 2525–2538. doi:10.1093/eurheartj/ehm355. Consultado o 13 de abril de 2017. 
  3. Organización Mundial da Saúde, ed. (2004). The World Health Report 2004 - Changing History (PDF). pp. 120–4. ISBN 92-4-156265-X. Consultado o 20/03/2015. 
  4. Plan Andaluz de urgencias y emergencias. Manejo del infarto agudo de miocardio(en castelán)
  5. Bax L, Algra A, Mali WP, Edlinger M, Beutler JJ, van der Graaf Y (2008). "Renal function as a risk indicator for cardiovascular events in 3216 patients with manifest arterial disease". Atherosclerosis. PMID 18241872. doi:10.1016/j.atherosclerosis.2007.12.006. 
  6. Pearte CA, Furberg CD, O'Meara ES; et al. (2006). "Characteristics and baseline clinical predictors of future fatal versus nonfatal coronary heart disease events in older adults: the Cardiovascular Health Study". Circulation 113 (18): 2177–85. PMID 16651468. doi:10.1161/CIRCULATIONAHA.105.610352. 

Developed by StudentB