Iraq[1] (en árabe العراق), e oficialmente República de Iraq (en árabe: [جمهورية العراق] (axuda · info), é un país de Asia Occidental que abrangue a chaira aluvial de Mesopotamia, o límite noroccidental dos Montes Zagros, e a parte leste do deserto sirio.[2]
Iraq limita con Turquía polo norte, con Irán polo leste, Kuwait polo sueste, Arabia Saudita polo sur, Xordania polo suroeste e Siria polo oeste. Ademais o país ten unha franxa costeira de 58 km de lonxitude no noroeste do Golfo Pérsico. A súa capital, Bagdad está localizada na zona do centro deste. Os dous grandes ríos do país, o Tigris e o Éufrates, discorren polo centro do país dende o noroeste cara ao sueste. Estes ríos, proporcionan a Iraq de terras aptas para a agricultura, en contraste das terras áridas que cobren a meirande parte de Asia Occidental.
Iraq era coñecido antigamente polo topónimo grego Mesopotamia (Terra entre dous ríos) e foi o lugar de sucesivas civilizacións dende o milenio 6 antes de Cristo. A rexión entre os ríos Tigris e Éufrates é considerada como o berce da civilización e o lugar onde apareceu a escrita. En diferentes períodos da súa historia, Iraq foi o centro dos imperios indíxenas acadio, sumerio, asirio, e babilónico. Formou parte dos imperios medo, aqueménida, helenístico, parto, sasánida, romano, rashidun, umayyad, abbásida, mongol, safávida, afsárida e otomán. Por outra banda, estivo baixo dominio británico como Mandato da Sociedade de Nacións.[3] Iraq é o fogar de dous dos lugares máis sagrados do mundo para o xiísmo: Najaf e Karbala.[4]
Os seus límites modernos foron establecidos en 1920 pola Sociedade de Nacións cando o Imperio Otomán foi divido segundo o Tratado de Sèvres. Iraq foi posta baixo a autoridade do Reino Unido como "Mandato británico de Mesopotamia". A monarquía foi establecida en 1921 e o Reino de Iraq obtivo a independencia en 1932. En 1958, a monarquía foi abolida e creouse a República de Iraq. Iraq foi controlado polo Partido Ba'ath dende 1968 ata o 2003. Despois da invasión de 2003 liderada polos Estados Unidos de América e forzas multinacionais, o partido Ba'ath foi eliminado do poder e celebráronse eleccións parlamentarias. A presenza americana en Iraq rematou no 2011.[5]