Islam

O islam (en árabe: الإسلام, ar-al_islam.ogg al-Islām ) ou islamismo é unha relixión monoteísta abrahámica cuxo dogma baséase no libro do Corán, o cal establece como premisa fundamental para os seus crentes que «Non hai máis deus que Alá[1] e que Mahoma é o último mensaxeiro de Alá».[2] A palabra árabe Allah, galeguizada como Alá, significa Deus e a súa etimoloxía é a mesma da palabra semítica El (אל), coa que se nomea a Deus na Biblia. Os eruditos islámicos definen ao islam como: «A submisión a Deus o Altísimo a través do monoteísmo, a obediencia e o abandono da idolatría».[3] O libro sagrado do islam é o Corán,[4] ditado por Alá a Mahoma a través de Yibril (o Arcanxo Gabriel). Os seguidores do islam denomínanse musulmáns (do árabe muslim مسلم, 'que se somete'). Testemuñan que Mahoma é o último dos profetas enviados por Deus e selo da Profecía.[5]

O islam, á semellanza do xudaísmo e do cristianismo, descende da tradición relixiosa do patriarca bíblico Abraham, e é clasificado como unha relixión abrahámica. O islam non nega o xudaísmo nin o cristianismo senón que considera esas relixións monoteístas como parte da súa herdanza e consideran que Adán foi o primeiro musulmán. Ademais do Corán, os musulmáns de tradición sunnita seguen así mesmo os hadices e a sunna do profeta Mahoma, que conforman o Rexistro histórico das accións e os ensinos do Profeta. Aceptan como libros sagrados a Torá (o Antigo Testamento dos cristiáns), os Libros de Salomón e os Evanxeos (o Novo Testamento). Teñen como profetas, entre outros, a Adán, Noé, Abraham, Moisés, Salomón e Xesús.

En 2010 calculábanse en case 1600 millóns de seguidores do islam que son maioría en 49 países, arredor dun 87/90% dos musulmáns son sunnitas e o 10/13% xiítas[6]. Segundo o Vaticano, o islam (conxuntamente con todas as súas ramificacións) é a relixión máis estendida do mundo, xa que recentemente superou o número de católicos,[7] e a segunda relixión do mundo se se súmase o número de fieis das distintas confesións do cristianismo.

O islam xurdiu coa predicación de Mahoma no ano 622 na Meca (na actual Arabia Saudita). Baixo o liderado de Mahoma e os seus sucesores, o islam estendeuse rapidamente. Existe discrepancia entre os musulmáns e non musulmáns de se se estendeu por imposición relixiosa ou militar, ou por conversión dos pobos ao islam. As ensinanzas de Mahoma están contidos no Corán, ou Alcorán (Qur'an, "recitación" en árabe). Os musulmáns acreditan que Mahoma recibiu estas ensinanzas de Alá (a palabra árabe para Deus), por intermedio do anxo Xibreel (Arcanxo Gabriel) que Mahoma despois recitou para que outros pasasen a escrito, xa que era analfabeto segundo considera a tradición islámica[8], converténdose no mensaxeiro do islam[9]. Alén do Corán, inclúense entre os conceptos e prácticas relixiosas os piares do islam, cinco para os sunnitas: profesión de fe (non hai máis deus que Alá e Mahoma é o seu profeta), orar cinco veces por día, a esmola, o xaxún no Ramadán e a peregrinación á Meca que os xiítas imamís inclúen entre as derivacións da fe xunto con outras prácticas; os ditos e accións de Mahoma tal como se recolle no corpus dos hadith, distintos segundo a tradición sunnita e a xiíta e que para os sunnitas conforman a sunna, que clarifican e explican as ensinanzas de Mahoma e que forman o Rexistro histórico das accións e as ensinanzas do Profeta.

Ao contrario do xudaísmo e do cristianismo, o islam non atravesou un período de gran reforma ou reformulación fundamental.

Para a maioría dos musulmáns o islam non é só unha relixión senón un xeito de vida, un sistema que dá instrucións que se relacionan con todos os aspectos da actividade humana, sexan políticos, sociais, financeiros, legais, militares ou interpersoais pero entre os crentes hai diversos graos de observancia, para uns é un asunto privado mentres para outros é a base de todo o seu sistema de relacións [10].

  1. Sura 3:18
  2. Sura 48:29.
  3. Al-Uzaimin, Muhammad Ibn Saalih (1997) p. 116.
  4. Sura 4:82.
  5. Sura 36:40.
  6. Pew-Templeton Global Religious Futures Project Arquivado 31 de maio de 2020 en Wayback Machine. (en inglés)
  7. Afirmou o monseñor Vittorio Formenti nunha entrevista co xornal vaticano L'Osservatore Romano. «Por primeira vez na historia, xa non estamos na cima: os musulmáns alcanzáronnos». «El Vaticano reconoce que por primera vez el islam tiene más fieles que los católicos» (en castelán)
  8. Richard Bell (1988) Introducción al Corán. Encuentro, p. 43-46 (edición orixinal en inglés de 1970 de Edinburgh University Press)
  9. Suleyman Eris (2006) Islam: Belief and Practice : a Brief Guide Somerset:Tughra Books, p. 5
  10. "Hussain, Amjad e El-Alami, Kate (2005) A Guide to Islam (Faith Guides for Higher Education). School of Theology and Religious Studies. Universidade de Leeds, p. 1" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de febreiro de 2014. Consultado o 16 de setembro de 2013. 

Developed by StudentB