Un lago (do latín lacus) é un accidente xeográfico constituído por unha grande extensión de auga (ou nalgún caso doutro líquido), en xeral auga doce, rodeada de terra e sen movemento fluído (isto é, sen corrente). Esa auga pode provir:
Normalmente, a auga dos lagos é auga doce, mais existen no mundo algúns importantes lagos salgados, como o Gran Lago Salgado da América do Norte ou o Mar Morto no Oriente Medio (Israel e Palestina).
Nalgúns casos, o termo lago úsase para describir unha bacía que, aínda estando baldeira a maior parte do tempo, pode chegar a encherse de auga en condicións estacionais de chuvias fortes.
As dimensións dos lagos son moi variábeis, desde algúns metros ata varias centenas de quilómetros, como son os Grandes Lagos da América do Norte ou os Grandes Lagos Africanos.
Aos lagos de pequenas dimensións chámaselles 'estanques', e os máis pequenos aínda, 'pozas', 'poceiras' ou 'charcas'.
Os lagos maiores, sen saída marítima, son tamén chamados mares interiores, como o mar Caspio; regra con moitas excepcións, falando tamén de Mar Morto e do Gran Lago Salgado.
A súa profundidade tamén varía desde algúns centímetros ata varias centenas de metros - o Lago Baikal, na Siberia, é o máis profundo do mundo, con 1743 metros.
A orixe dos lagos é variábel e depende da xeomorfoloxía do terreo. Poden ser de orixe tectónica, ou sexa, teren sido formados por fenómenos xeolóxicos, ou poden ter sido formados pola erosión do terreo, ben por fenómenos climáticos, ou ben pola acción de ríos ou glaciares. En zonas como a Antártida, poden existir lagos sub-glaciares, isto é, debaixo do xeo, como o Lago Vostok.
Un lago pódese formar nun cráter antigo, como a caldeira do 'Cráter Lake', nos Estados Unidos de América.
É importante non confundir un lago cunha planicie de inundación, que ten unha orixe e unha dinámica diferente. Á volta dun lago, porén, pode existir unha planicie de inundación.
O estudo ecolóxico dos lagos é a limnoloxía.
Con moita frecuencia, o lago ten un 'emisario', por onde a auga se coa en sentido ao mar.