Laika Лайка | |
---|---|
Representación de Laika nun selo romanés. | |
Outros nomes | Kudriavka |
Especie | Canis lupus familiaris |
Raza | Mestizo de husky e terrier |
Sexo | Femia |
Nacemento | c. 1954 Moscova, Unión Soviética |
Falecemento | 3 de novembro de 1957[1] Sputnik 2, en órbita |
Orixe | Unión Soviética |
Dono | Programa espacial soviético |
Anos activo | 1957 |
Coñecido por | Primeiro animal en orbitar a terra |
Laika (ruso: Лайка c. 1954 – 3 de novembro de 1957) foi unha cadela que participou no Programa Sputnik soviético, converténdose nun dos primeiros animais en saír ao espazo e o primeiro en orbitar a Terra. Laika foi atopada nas rúas de Moscova sen dono e foi seleccionada para ser a ocupante do Sputnik 2, lanzado ao espazo o 3 de novembro de 1957.[2] Antes da súa misión non se tiñan datos do impacto dos voos espaciais nos seres vivos e a tecnoloxía para saír de órbita non se desenvolvera aínda, polo que os científicos non esperaban que Laika sobrevivise á misión. Porén, consideraban esta misión como un paso previo necesario ás misións tripuladas por seres humanos. O experimento tiña o obxectivo de probar que un pasaxeiro vivo podía sobrevivir o lanzamento e soportar a ingravidez, abrindo as portas aos voos tripulados por persoas e fornecendo os primeiros datos de como os organismos vivos reaccionan en ambientes externos á Terra.[3]
Laika faleceu ás poucas horas a causa dunha hipertermia causada por un fallo na separación dun dos módulos, que á súa vez provocou que o control de temperatura non funcionase ben. Os informes oficiais inicialmente indicaron que se lle practicara a eutanasia por medio de envelenamento na súa comida antes de que quedase sen osíxeno, e posteriormente deuse a versión de que falecera ao quedar sen osíxeno o sexto día. A verdadeira data e causa da súa morte non se fixeron públicas ata o 2002.
O 11 de abril de 2008 inaugurouse un monumento na honra de Laika, construído preto do complexo militar en Moscova onde se preparara o seu voo espacial, que representa a cadela de pé sobre un foguete espacial. Tamén aparece no Monumento aos Conquistadores do Espazo de Moscova.[4]
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome SPUT1
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome AJL
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome RussiaOpensMonument