Inglés English | ||
---|---|---|
Pronuncia: | ˈɪŋɡlɪʃ[1] | |
Falado en: | Países anglófonos | |
Rexións: | Orixinalmente Inglaterra, hoxe internacional | |
Total de falantes: | 300 - 400 millóns (2006)[2] 400 millóns (segunda lingua) 600 - 700 millóns (como lingua estranxeira)[2] | |
Posición: | 3 | |
Familia: | Indoeuropea Xermánico Xermano occidental Anglofrisón Ánglico Inglés | |
Escrita: | Alfabeto latino | |
Status oficial | ||
Lingua oficial de: | 67 países 21 entidades non soberanas | |
Regulado por: | Non está regulado | |
Códigos de lingua | ||
ISO 639-1: | en
| |
ISO 639-2: | eng | |
ISO 639-3: | eng
| |
SIL: | 52-ABA
| |
Mapa | ||
Status | ||
A lingua inglesa ou inglés[4] é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global.[5][6] Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés.[7] O inglés é a lingua oficial ou unha das linguas oficiais de case 60 estados soberanos. É a lingua máis falada no Reino Unido, nos Estados Unidos, no Canadá, en Australia, Irlanda e Nova Zelandia e está moi estendida nalgunhas áreas do Caribe, África e sur de Asia.[8] É a terceira lingua nativa máis falada do mundo, despois do mandarín e do castelán.[9] É tamén a segunda lingua máis aprendida e lingua oficial da Nacións Unidas, da Unión Europea, e de moitas outras organizacións mundiais e rexionais. É a lingua xermánica máis falada, representando polo menos o 70% dos falantes desta póla da familia indoeuropea.
O inglés desenvolveuse ó longo de máis de 1 400 anos. As formas máis antigas do inglés, unha serie de dialectos anglofrisóns, chegaron a Gran Bretaña polos colonos anglosaxóns no século V, son chamadas inglés antigo. O inglés medio desenvolveuse no século XI coa conquista normanda de Inglaterra, nun período no que a lingua foi influída polo francés.[10] O inglés moderno comezou a finais do século XV coa introdución da imprenta en Londres, a Biblia do Rei Xacobe e o comezo da Gran mudanza vocálica.[11] A través da influencia mundial do Imperio Británico, o inglés moderno espallouse por todo o globo dende o século XVII até a metade do século XX. A través dos diversos medios impresos e electrónicos, así como o xurdimento dos Estados Unidos como superpotencia mundial, o inglés converteuse na lingua principal das relacións internacionais e a lingua franca en moitas rexións e en contextos profesionais como a ciencia, a navegación e a lei.[12]
O inglés moderno ten pouca flexión en comparanza con outras linguas, e susténtase moito en verbos auxiliares e na orde de palabras para a expresión de tempos complexos, aspectos e modo, así como de construcións pasivas, interrogativas e algunhas negacións. Malia as notables variacións dos acentos e dialectos do inglés empregados en diferentes rexións e países – en termos de fonética e fonoloxía, e ás veces en vocabulario, gramática e deletreo – os falantes de inglés en todo o mundo son quen de comunicarse cos outros con relativa facilidade.