Mala herba

O mexacán ou carrelo (Taraxacum officinale) é unha planta común en todo o mundo, especialmente en Europa, Asia e América. É considerada unha mala herba nalgúns contextos, por exemplo nos céspedes, mais non noutros, xa que pode ser usada como planta medicinal ou comestíbel en ensaladas, por iso tamén recibe o nome galego de leitaruga.

Mala herba, herba adventicia ou herba daniña son termos que se refiren a toda planta que medra nunha leira agrícola ou xardín e non é apreciada ou querida nese lugar. A verba mala ten connotacións despectivas e subxectivas, polo que ás veces é preferíbel empregar os sinónimos adventicia ou infestante. As malas herbas forman o que se denomina maleza ou mata e o conxunto espeso de matas forma o mato ou matogueira, tamén chamado breña, coucheira, fraguiza, matagueira, vedramio.

Algunhas plantas coma a avea eran orixinalmente herbas adventicias que medraban bravas nas leiras de trigo até ficaren finalmente domesticadas. Algunhas especies, coma as o xénero Lolium ou do Melilotus son infestantes, mais tamén se lles pode dar uso forraxeiro.

Algunhas especies cultivadas, coma o xirasol ou a pataca, pódense comportar como malas herbas no caso de que nazan ou regromen ao ano seguinte no terreo no que instalemos un novo cultivo. Porén no caso xeral as malas herbas adoitan ser especies bravas e que producen danos económicos de importancia.

Normalmente o solo agrícola constitúe o denominado banco de sementes onde hai un alto número de sementes e partes vexetativas, moitas delas en estado de repouso e outras prontas a xermolar en canto teñan as condicións axeitadas. As sucesivas labras que adoitan deixan o solo esfarelado tamén favorecen o desenvolvemento das herbas adventicias.

A malherboloxía é a ciencia dedicada ao estudo deste tipo de plantas.


Developed by StudentB