O matrimonio (do latín: matrimonīum)[1] é unha antiga institución social, presente en gran cantidade de culturas, que establece un vínculo conxugal entre persoas naturais, recoñecido e consolidado por medio de prácticas comunitarias e normas legais, consuetudinarias, relixiosas ou morais, que ten por fin fundamentar a fundación dun grupo familiar aínda que tamén proporcionar un marco de protección mutua ou de protección da descendencia. A unión matrimonial establece entre os cónxuxes —e en moitos casos tamén entre as familias de orixe destes[2]— dereitos e obrigacións que varían considerablemente segundo as normas que o regulan en cada sociedade.[3] Pode ser motivado por intereses persoais, económicos, sentimentais, de protección da familia ou como medio para obter calquera tipo de vantaxe.
As normas matrimoniais están vinculadas con aquelas que regulan as relacións sexuais (incesto, adulterio, exclusividade sexual, monogamia, poligamia), a reprodución e a filiación dos fillos, segundo as regras do sistema de parentesco vixente. O matrimonio adoita estar estreitamente relacionado coa familia e nalgúns casos constitúe o núcleo desta. As regras sobre finalización do matrimonio inclúen aquelas referidas ao divorcio.
Tradicionalmente o matrimonio concretábase sen ter en conta a vontade dos contraentes, mesmo contra a vontade destes ou pola forza, moitas veces lexitimando a posesión forzada das mulleres por parte dos homes. Nos últimos dous séculos universalizouse a esixencia do libre e pleno consentimento dos contraentes para contraer matrimonio, como un dos dereitos humanos fundamentais.[4]
Nas sociedades actuais existen dúas formas principais de matrimonio: civil ou relixioso e, dependendo da relixión ou do ordenamento xurídico, os dereitos, deberes e requisitos do matrimonio son distintos. Agora ben, non todas as sociedades establecen a distinción entre matrimonio civil e relixioso, válida só en Occidente. No primeiro caso son as leis do Estado as que establecen os dereitos, deberes e requisitos, mentres que no segundo caso son as normas ou costumes da relixión baixo a que se celebra. A coexistencia de ambas as formas e o recoñecemento da súa validez varían de acordo a cada sociedade.[5] Ata hai menos de dúas centurias só había matrimonio relixioso, ó que se consideraba mesmo un sacramento. Con respecto ao xénero dos contraentes, nos últimos anos o movemento LGBT obtivo en varios países o recoñecemento legal do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, aínda que varias culturas rexistran antecedentes no mesmo sentido.
Unha definición non matrimonial de matrimonio é unha unión sancionada culturalmente entre dúas ou máis persoas que establece certos dereitos e obrigas entre as persoas, entre elas e os seus fillos e entre elas e os seus sogros.