Metal pesado

Monumento en memoria dos intoxicados por mercurio en Minamata (Xapón)

Desígnanse co nome xenérico de metais pesados algúns elementos metálicos presentes na natureza, de densidade relativamente alta, e que poden presentar toxicidade para os organismos vivos, entre eles para o ser humano, especialmente por ser bioacumulativos.

Trátase, normalmente, de elementos comprendidos entre o cobre e o chumbo na táboa periódica dos elementos, cunha densidade maior de 4 ou 4,5 g/cm3, pero hainos de menor densidade mentres que outros metais, máis densos, non se inclúen neste grupo ó non seren tóxicos. Mesmo os hai que cumpren algunha función biolóxica e cualifícanse, por tal razón, como nutrientes esenciais, pero que a determinadas concentracións poden resultar tóxicos nalgunha das súas formas (como níquel, manganeso ou cobre); outros non teñen misión biolóxica coñecida (como o cadmio, mercurio, chumbo). Algún elemento incluído entre os metais pesados, coma o arsénico ou o selenio, non son realmente metais.

A presenza destes elementos no medio pode significar serios problemas medioambientais, debidos á súa ecotoxicidade, e, no caso de estaren presentes nos alimentos, problemas de saúde pública entre os consumidores.

O concepto de metal pesado non obedece a criterios químicos senón biolóxicos, en función da toxicidade que presentan. A IUPAC (Unión internacional de química pura e aplicada, International Union of Pure and Applied Chemistry) considera que este termo é "sen sentido e enganoso" [1] e reclama unha definición autorizada, baseada na táboa periódica, e a diferenciación entre os metais puros e os seus posibles compostos tóxicos. Neste sentido, un exemplo claro é a practicamente nula toxicidade do mercurio fronte á elevada toxicidade do metilmercurio, a súa forma orgánica máis perigosa.


Developed by StudentB