O monovolume é un tipo de carrozaría que ten o compartimento do motor, de pasaxeiros e maleteiro integrados nunha soa unidade, para aproveitar o espazo de maneira óptima. Distínguese dun turismo pola maior altura (xeralmente entre 1,60 e 1,80 metros), e porque o capó e o vidro dianteiro son practicamente paralelos, a diferenza dos vehículos deportivos utilitarios como exemplo. Os compradores de monovolumes adoitan ser familias numerosas, que precisan utilizar moitas prazas e cargar moitos obxectos frecuentemente, ou que desexan simplemente un vehículo espazoso.
Denomínase «monovolume» debido a que o automóbil constitúe un único corpo, ou sexa deseño de «unha caixa» (é dicir, o parabrisas e o capó son o mesmo ángulo). O motor está aloxado de tal maneira que sobresae moi pouco por diante do eixe dianteiro, e está montado máis alto e mesmo máis inclinado ca nun turismo, para ceibar espazo no habitáculo. Segundo o modelo, os asentos pódense desenganchar e reenganchar ou desprazar sobre carrís, encartar ou mesmo desmontar. Esta «flexibilidade» permite configurar o interior do automóbil de acordo coas necesidades do propietario en cada situación. Todos os monovolumes teñen porta traseira, e o usual é que sexa moi vertical para aproveitar o espazo que se perdería se o vidro traseiro estivese máis inclinado.[1]