Un motor foguete utiliza propelente almacenado como masa de reacción para xerar un chorro ou fluído propulsivo de alta velocidade, normalmente gas a alta temperatura. Os motores foguetes son motores a reacción, que producen impulso mediante a exección de masa segundo a lei de acción e reacción de Isaac Newton. A maior parte dos motores foguete usan a combustión de substancias químicas para prover a enerxía necesaria, aínda que tamén se usan motores sen combustión, como os propulsores de gas frío e os motores iónicos. Aos vehículos propulsados por motores foguete se lles chama habitualmente foguetes. Os foguetes químicos levan o seu propio oxidante a bordo, polo que poden funcionar no baleiro.
En comparación con outro tipo de motores, os motores foguete son máis lixeiros e proporcionan máis pulo pero son os menos eficientes por cantidade de propelente (tecnicamente, teñen o menor impulso específico). O propelente ideal é o hidróxeno, o elemento máis lixeiro, mais os foguetes químicos adoitan usar unha mestura de substancias máis pesadas, diminuíndo a velocidade dos gases de escape.