Necto

Moitos peixes nectónicos viaxan agrupados en cardumes, como o arenque (Clupea harengus).
Sardiña (Sardina pilchardus).
Chelonia mydas, unha tartaruga mariña.
Loligo vulgaris, a lura común.

En ecoloxía dáselle o nome colectivo necto[1] ou necton[2] ao conxunto dos organismos que nadan activamente nas augas, tanto nas mariñas como nas doces.

O termo necto foi cuñado en 1890 por Ernst Haeckel, e deriva do grego νηκτόν nēktón "acto de nadar", "natación", derivado do verbo νήχειν nḗchein, "nadar".

O estudo dos organismos nadadores (biofluidodinámica, biomecánica, bioloxía funcional da locomoción en fluídos, e fisioloxía do aparello locomotor na de natación) denomínase nectoloxía, e o científicos que estuda a natación en todas as súas formas chámase nectólogo. O adxectivo derivado de necto é nectónico.

O concepto contrasta con outros empregados na ecoloxía dos sistemas acuáticos, como plancto (conxunto dos organismos que viven en suspensión e que se trasladan pasivamente), bentos (conxunto dos organismos que viven no fondo, xa sexan móbiles ou inmóbiles), ou neusto (conxunto dos organismos que viven na interface auga/aire).

A maioría dos organismos do necto son peixes, pero tamén forman parte del algúns réptiles (tartarugas, crocodilos e outros), cnidarios (medusas), cefalópodos (luras) e tamén mamíferos como os golfiños e as baleas e cachalotes.

Unha gran parte das especies do necto son neríticas (viven nas augas que cobren a plataforma continental), pero tamén os hai oceánicos (que habitan sobre o noiro continental).

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para necto.
  2. necton, nas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, RAG/ILG, 18ª ed., 2003, páx. 67.

Developed by StudentB