Oppidum

Murus gallicus en Bibracte.

Un oppidum (en plural oppida) é un termo xenérico en latín que designa un lugar elevado, un outeiro ou meseta, cuxas defensas naturais se viron reforzadas pola intervención do home. Os oppida establecíanse, xeralmente, para o dominio de terras aptas para o cultivo ou como refuxio fortificado que podía ter partes habitables.

Os oppida son coñecidos grazas ás descricións feitas por Xulio César en De Belo Gallico. Os seus muros son de terra e pedras, reforzados cunhas travesas de madeira unidas perpendicularmente por unhas longas caravillas de ferro (20 a 30 cm). Este tipo de muro característico dos oppida galos denomínase murus gallicus.

O nome de oppidum utilízase, xenericamente, para designar lugares de diferente amplitude, que poden ir dende unha ou dúas até varias centenas de hectáreas: o recinto do oppidum de Manching, próximo a Ingolstadt en Baviera (Alemaña) abarca até 350 hectáreas. Os lugares coñecidos con este nome puideron ser utilizados desde principios da primeira Idade de Ferro até o século I.


Developed by StudentB