Coronavirus | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||
| |||||||||
Xéneros | |||||||||
Os Orthocoronavirinae son unha subfamilia de virus da familia Coronaviridae á que pertencen os coronavirus.[1][2] Os virus desta subfamilia teñen forma esférica. Os coronavirus son virus con envoltura cun xenoma de ARN monocatenario de sentido positivo e unha nucleocápsida de simetría helicoidal. O tamaño do xenoma dos coronavirus está entre 26 e 32 kb, o que é extraordinariamente grande para un virus de ARN. O nome "coronavirus" deriva do latín corona, que significa coroa ou halo, referíndose á aparencia característica dos seus virións nas imaxes de microscopio electrónico nas que presentan unha banda de proxeccións superficiais na súa envoltura grandes e bulbosas, que lembra a coroa solar. Esta morfoloxía débese ás espículas virais ou peplómeros, que son proteínas que sobresaen da superficie do virus e determinan o seu tropismo de hóspedes (os hóspedes aos que poden infectar). Os coronavirus, como todos os virus da orde Nidovirales á que pertencen, teñen as proteínas estruturais codificadas na rexión 3' do xenoma, as cales se expresan a partir dun conxunto de ARNm subxenómicos producidos durante a infección.
As proteínas que contribúen a formar a estrutura de todos os coronavirus son as proteínas chamadas espícula (S), envoltura (E), membrana (M) e nucleocápsida (N). No caso específico do coronavirus SARS, un dominio de unión ao receptor ben definido da proteína das espículas (S) media a unión do virus co receptor celular, que é o ACE2.[3] Algúns coronavirus (especificamente os membros dos Betacoronavirus do subgrupo A) tamén teñen unha proteína de tipo espícula máis curta chamada hemaglutinina esterase (HE).[1]