Paradoxo de Fermi

Representación gráfica da mensaxe de Arecibo, o primeiro intento da Humanidade de usar ondas de radio para comunicar de forma activa a súa existencia a civilizacións extraterrestres.

O paradoxo de Fermi xorde da aparente contradición entre as altas estimacións de probabilidade de existencia de civilizacións extraterrestres (como na ecuación de Drake), e a manifesta falta de evidencia da existencia de tales civilizacións.

A ecuación de Drake para estimar o número de civilizacións extraterrestres coas que eventualmente poderíamos poñernos en contacto parece implicar que tal tipo de contacto non é extremadamente raro. A resposta de Fermi a esta conclusión é que se houbese numerosas civilizacións avanzadas na nosa galaxia entón "Onde están? Por qué non atopamos trazas de vida extraterrestre intelixente, por exemplo, sondas, naves espaciais ou transmisións?". Aqueles que se adhiren ás conclusións de Fermi adoitan referirse a esta premisa como o principio de Fermi.

O paradoxo pode resumirse do xeito seguinte: A crenza común de que o Universo posúe numerosas civilizacións avanzadas tecnoloxicamente, combinada coas nosas observacións que suxiren todo o contrario é paradoxal, suxerindo que ou ben o noso coñecemento ou ben a nosas observacións son defectuosas ou incompletas.

Este paradoxo xurdiu en medio dunha conversa informal de Fermi con outros físicos de laboratorio e tivo importantes implicacións nos proxectos de procuras de sinais de civilizacións extraterrestres (SETI).

Socioloxicamente é interesante subliñar que a formulación do paradoxo xurdiu nunha época na que Fermi estaba a traballar no Proxecto Manhattan co fin do desenvolvemento da bomba atómica norteamericana. A resposta de Fermi ao seu paradoxo é que toda civilización avanzada desenvolvida na galaxia desenvolve coa súa tecnoloxía o potencial de exterminarse, tal e como percibía que estaba ocorrendo na súa época. O feito de non atopar outras civilizacións extraterrestres implicaba para el un tráxico final para a humanidade.


Developed by StudentB